A actualidade Vaticano poderá seguirse dende unha nova páxina web

martes, 28 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O novo espazo terá unha forte presenza do vídeo

A Oficina de Prensa do Vaticano inaugurará oficialmente este mércores a súa nova páxina web informativa baixo o nome de dominio News.va, no que poderán consultarse todas as novas que difunden os distintos medios da Santa Sé, como a propia oficina, o diario vaticano Osservatore Romano, a Radio Vaticana, a axencia Fides e o Vatican Information Service (VIS).
Este novo espazo será inaugurado polo propio Bieito XVI o mércores pola tarde, con ocasión da celebración de San Pedro e San Pablo e da celebración do 60º aniversario da ordenación sacerdotal do Pontífice.
News.va (web co lema The Vatican Today) tenderá unha ponte ás redes sociais, con accesos a Facebook e Twitter, e tamén servirá para seguir en directo as actividades do Papa, como o ángelus dos domingos ou as viaxes apostólicas. Tamén integrará os vídeos do Vaticano en YouTube e permitirá escoitar en directo as novas de Radio Vaticana.

Dende News.va poderán seguirse as viaxes apostólicas de Bieito XVI

PUBLICIDADE