A actividade de SmartPEME na área de Vigo medrou en 2020 en todos os indicadores

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra fixo balance da actividade en 2020 da rede de capacitación tecnolóxica SmartPEME, que achega formación e adestramento TIC a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas e que o ano pasado (e tamén este 2021) fixo unha plena adaptación ao ámbito do elearning. No que atinxe á contorna de Vigo, os datos de 2020 revelan que o servizo medrou en todos os indicadores e acumulou un avance do 96% na asistencia aos obradoiros de formación (chegando ás 2.198 persoas), dun 44 % nas consultarías de asesoramento individualizado (con 1.597) e, finalmente, dun 27 % no número de empresas en carteira, alcanzando as 911, a meirande parte delas micropemes e persoas autónomas.
A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana María Mejías, visitou as tres oficinas da área, situadas en Vigo, O Porriño e Ponteareas, e constatou os datos dun avance que cualificou como “espectacular”. Segundo fixo saber, Vigo consolídase como “a oficina con maior número de asesoramentos” e “tamén con maior número de empresas das sete existentes na provincia”, seguida do Porriño. Ademais, o 2020 pechouse cun destacado rexistro de asistencia aos obradoiros formativos organizados desde o punto SmartPEME de Ponteareas ao ter alcanzado as 740 persoas, catro veces máis que o ano anterior.
Ana Mejías explicou tamén que 2020 foi “un ano récord para SmartPEME”, que naceu en 2016 como ferramenta para o apoio tecnolóxico ás empresas da provincia que máis o necesitan.

PUBLICIDADE