A aceleradora TurisTIC adestrou dixitalmente catro proxectos turísticos pontevedreses

martes, 27 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A aceleradora TurisTIC da Deputación de Pontevedra, destinada a facer voar proxectos empresariais que xurdan da confluencia entre o turismo e as novas tecnoloxías, unha confluencia en clara liña ascendente, vén de facer balance da actividade da súa segunda, que deu comezo en outubro do ano pasado xerando o interese de 14 iniciativas candidatas. O obxectivo foi facilitarlles o máximo aproveitamento das novas ferramentas dixitais. Finalmente catro delas entraron en modo aceleración.
As empresas seleccionadas resultaron ser Pazo de Rubianes (que abriu en 2012 e desenvolve un produto turístico en torno ao patrimonio botánico, histórico, cultural e vitivinícola desta emblemática finca das Rías Baixas), Celtic Ways (empresa de servizos especializados en diversos idiomas, que ofrece guías-servizos de información turística, visitas á carta e asesoramento e deseño de produtos turísticos), VigoPeques (plataforma online de turismo familiar, con feitura de blog, para a organización de viaxes en familia, educación e lecer infantil en Galicia e Portugal), e Albergue Turístico A Guarda (casa mariñeira de 1957 do casco urbano de A Guarda, orientada ao aloxamento de peregrinos do Camiño Portugués a Santiago).
As persoas responsábeis das empresas seleccionadas recibiron, segundo lembra a Deputación, “un programa intensivo de titorías individualizadas con expertos en tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade”, entre outras cuestións, ás que se engadiron xeiras sobre innovación, novas oportunidades e mercadotecnia dixital.
As sesións abordaron dende os pasos para a creación dunha empresa á creación dun catálogo de produto diversificado ou busca de novos nichos de mercado aínda por explotar, entre outras cuestións. “Grazas a esta iniciativa, estas empresas melloraron a súa estratexia TIC cara a unha maior competitividade tanto no ámbito de mercadotecnia e publicidade como en comercialización”, explicou a Deputación, engadindo que a aceleradora é unha iniciativa posta en marcha polo servizo TurisTIC da Deputación, creado no ano 2018 para dar asesoramento específico a este sector na introdución ás novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE