A Zona Franca triplica os recursos do seu webinar sobre mercadotecnia dixital

xoves, 23 de abril do 2020 S. P.

A Zona Franca de Vigo está a bater récords en materia de formación online. Concretamente, na súa convocatoria sobre mercadotecnia dixital aplicábel aos negocios internacionais, que a entidade viguesa argallou co obxectivo de dar acubillo a un grupo de dúas ducias de empresas. A actividade tivo tal demanda que en menos dunha hora “desbordou todas as previsións iniciais ao inscribirse nela máis de cen empresas”. En base ao interese xerado por esta formación accesíbel e de balde, e “para non deixar a ninguén fóra”, o delegado da Zona Franca, David Regades, impulsou unha medida para triplicar os recursos deste webinar sobre Mercadotecnia Dixital Internacional que, a partir deste mércores celébrase en tres sesións e en tres edicións ao longo das próximas semanas.
Na sesión de apertura, o delegado trasladou ás empresas que a idea de levar a cabo esta iniciativa partiu da situación do Estado de Alarma decretado pola COVID-19, “que pechou a posibilidade de levar a cabo as accións comerciais habituais como son viaxes de empresa, asistencia a feiras ou misións comerciais”. Este peche, sinalou, puxo o ámbito da mercadotecnia dixital nun lugar prioritario: alí onde se dirixen as miradas de boa parte dos nosos emprendedores e empresarios. “É a ferramenta estratéxica máis potente que as empresas teñen ao seu alcance para reactivar os seus negocios”, dixo Regades, engadindo que esta temática xa ten centrado unha chea de actividades da Zona Franca, como os Mércores de Internacionalización, Vía Exterior, Cultura Exterior ou Viño Exterior.
O obxectivo que se persegue con esta formación, que imparte José Alcaniz fundador e xerente de Esterea, é que os asistentes coñezan como pór en marcha estratexias de internacionalización empregando as ferramentas actuais do márketing online. Esta formación inclúe tamén titorías personalizadas para as empresas que o soliciten. Desenvólvense igualmente por medios telemáticos nunha data a convir entre o relator e a empresa.

PUBLICIDADE