A Zona Franca de Vigo aproba un orzamento de máis de 37 millóns de euros para investimentos na cidade

mércores, 31 de xullo do 2013 Redacción

O Pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo celebraba hoxe unha sesión na que se aprobaron uns orzamentos para o ano 2014 que superarán os 37 millóns de euros para realizar investimentos en Vigo e a súa área de influencia. Será pois en 2014 cando se materialicen novas actuacións que reorientan a actividade do Consorcio, é o caso da aceleradora de empresas VíaVigo, o Centro de Innovación Gastronómica, a incubadora de empresas para a transferencia de tecnoloxía aeroespacial SBAI, ou as melloras funcionais e enerxéticas do polígono de Balaídos. Emporiso, neste orzamento tratáronse de compatibilizar actividades tradicionais no Consorcio como é a promoción de chan empresarial, coa dotación de infraestruturas inmobiliarias para empresas e con novos investimentos na área de emprendemento e innovación.
No eido do emprendemento, a innovación e a internacionalización como camiños para conseguir que Vigo mellore e diversifique a súa economía, o Consorcio destina nestes orzamentos 11.580.000 euros a este apartado que se considera estratéxico. Para dotalo de contidos prácticos, o equipo de técnicos estivo traballando durante todo este ano en proxectos que serán un eixo continuo de traballo como o será a Aceleradora de Empresas VíaVigo para a que, ao millón de euros xa desembolsado para capital-semente, en 2014 achegarase outro máis á sociedade de capital-risco encargada da súa xestión. VíaVigo é un novo programa cuxo obxectivo é a aceleración de proxectos empresariais aos que se acompaña na súa maduración, financiamento e posta en marcha para garantir o éxito na súa saída ao mercado. Cunha duración de entre 9 e 12 meses, todo o percorrido da aceleradora deseñouse para dar soporte e asistencia na súa fase inicial a proxectos e empresas coa supervisión dun equipo de expertos en emprendemento, formación e mentoring. Aos proxectos seleccionados proporcionaránselle recursos esenciais como asesoramento especializado, espazo de traballo en coworking e mesmo capital semente. Aqueles emprendedores ou empresas que superen as diferentes fases de formación poderán acceder tamén a roldas de investimento externas para captar máis apoio e financiamento. A convocatoria da primeira edición de VíaVigo abriuse o 16 de xullo e todas as persoas que desexen participar teñen até o 16 de setembro para inscribir a súa idea de negocio online na propia web de VíaVigo.
Iniciativas en viveiros
Aos diferentes centros de iniciativas empresariais, ou viveiros de empresa, o Consorcio destinou preto de tres millóns de euros cos que se quere facer fronte ao novo CIE que se instalará en Porto do Molle, a outros viveiros ou CIEs que se realizarán en colaboración con outros concellos da comarca, e ao viveiro especializado en transferencia de tecnoloxía do espazo á PEME, a incubadora SBAI (Spain Business Aerospace Incubator). Outro dos grandes proxectos da área de emprendemento e innovación ao que os orzamentos destinan os primeiros cincocentos mil euros para o ano que vén, é o Centro de Evolución Gastronómica de Galicia, un proxecto do Consorcio para promover desde Vigo a excelencia de todos os sectores relacionados coa gastronomía galega. Dado o éxito acadado neste primeiro ano polo Centro de Excelencia-Factoría de Innovación, o Consorcio quere seguir con este programa que leva a cabo coa Universidade de Vigo e a Escola de Organización Industrial (a EOI que achega fondos FEDER) para favorecer a implantación e desenvolvemento de iniciativas de emprendemento e I+D+i nas PEME.

PUBLICIDADE