A Zona Franca de Vigo acolle o día 27 a segunda edición de Organización 2.0

mércores, 18 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

O Consorcio da Zona Franca de Vigo acollerá o día 27 de xuño a segunda edición do Congreso Internacional Organización 2.0. O evento, que se vai desenvolver na sede da entidade en Bouzas, será inaugurado pola delegada do Estado Teresa Pedrosa. A iniciativa, que versa sobre tecnoloxías de participación, comunidades e emprendemento baseado no uso das redes sociais, está chamado “a ser o gran acto galego sobre tecnoloxía e empresas 2.0 do 2014”, informa a Zona Franca. O programa afondará nas múltiples potencialidades das solucións tecnolóxicas actuais, baseadas na participación dos internautas, para contribuír ao desenvolvemento produtivo das organizacións.
A folla de ruta inclúe ademais unha pormenorizada análise das últimas novidades do sector. A edición anterior, informa a Zona Franca, resultou todo un éxito con preto de 100 asistentes.
O congreso virá da man da consultoría de mercadotecnia Comasis e a consultoría de innovación Inova. Celebrarase en horario de mañá nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo en Bouzas, comezando ás 9:00 horas co acto de inauguración, a cargo da delegada Teresa Pedrosa, e seguindo coa presentación do concepto Organización 2.0 exposta por Santiago Sesto (director Zona Noroeste APD) e Luís Calvo (CEO de Comasis). Logo desenvolveranse relatorios a cargo de “prestixiosos consultores internacionais, produtores de ferramentas 2.0 e organizacións que na actualidade xa gozan das vantaxes que carrexan a aplicación deste tipo de solucións nas súas organizacións”, explican os organizadores do congreso. O programa, que concluirá cunha mesa redonda na que se exporán casos de éxito de empresas en materia de comunidades e redes sociais, abranguerá tres bloques temáticos: Estratexia 2.0, Talento e coñecemento e Innovación conectada 2.0. A asistencia ao congreso é de balde e inclúe aparcadoiro e almorzo.

PUBLICIDADE