A Zona Franca contará cun dron para a vixilancia dos distintos recintos do Consorcio

mércores, 1 de febreiro do 2023 S. P.

A Zona Franca de Vigo contará cun dron para a vixilancia dos distintos recintos do Consorcio, tras un acordo con Securitas para desenvolver un servizo de vixilancia con aparellos aéreos non tripulados como solución de seguridade. O delegado do Estado, David Regades, asistiu ás primeiras probas para poñer en marcha o servizo acompañado polo director de Consultoría de Securitas, Jesús de la Mora Núñez. Regades cualificou o servizo de “pioneiro no sector”.
David Regades engadiu que se trata de “un sistema pioneiro que se proba inicialmente no parque de Balaídos para optimizar a seguridade da contorna e garantir o correcto desenvolvemento da actividade empresarial”.
O departamento de Operacións Aéreas de Securitas xestionou con Saerco (Aeroporto de Vigo) e o Ministerio do Interior, xunto coa Patrulla Pegaso da Garda Civil, as autorizacións e a coordinación operacional necesaria para implementar unha solución que segundo fixo saber Regades “cumpre con todos os estándares de seguridade e coa actual normativa de drons española e europea”.
Securitas Seguridade España, autorizada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) como operador de drons, mobilizou para este proxecto o seu departamento de Operacións Aéreas, que formou a 6 vixiantes que xa contan co certificado de piloto destes vehículos aéreos, e dotounos cun dron de última xeración equipado cunha cámara con zoom de ata 30 aumentos e outra de infravermellos de 640x512 píxeles.
“Os drons xogan un papel determinante na evolución da seguridade privada e están a cambiar a forma de protexer moitas instalacións, pero levalo á práctica cumprindo co estrito regulamento de seguridade esixe coñecementos, capacidades e experiencia. Estamos moi orgullosos de que unha institución pública tan importante para a industria galega como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, aposte por nós para implementar novas solucións de seguridade”, afirmou Jesús de la Mora, director de Consultoría de Securitas España e responsábel da área de Operacións Aéreas.
A solución de seguridade aborda tres eixos fundamentais: seguridade, protección e operacións. No eido da seguridade os drons cumprirán funcións de detección de intrusións, roubos, accións vandálicas ou verteduras para “proporcionar unha capacidade de reacción rápida e eficaz sobre os posíbeis escenarios de ameaza no parque industrial”.
Ademais, reforzarán a protección dos traballadores e visitantes da Zona Franca, grazas á súa capacidade de cubrir grandes extensións cunha visión cenital e á precisión das súas cámaras equipadas para detectar todo tipo de incidentes como conatos de incendio, danos nas cubertas, así como situación das áreas de subministración e a súa contorna.
Por último, este servizo contribuirá a garantir a continuidade das operacións controlando aqueles factores que poidan afectar os procesos de actividade na Zona Franca tal como problemas de circulación, retencións de tráfico, avaría de vehículos ou saturación de zonas de aparcamento, entre outros.

PUBLICIDADE