A Zona Franca, Red.es e ANFACO-CECOPESCA impulsan a dixitalización das nosas empresas do mar
xoves, 9 de marzo do 2023
O
Consorcio da Zona Franca de Vigo propiciou unha reunión entre Red.es
e a xunta directiva de ANFACO-CECOPESCA co obxectivo de atopar vías
para impulsar a dixitalización do sector mar-industria. Ao encontro
co director xeneral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra, asistiron
o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades; o delegado do
Gobierno, José Miñones; a subdelegada do Gobierno, Maica Larriba,
así como o presidente de ANFACO-CECOPESCA e director xeneral de
Conservas Antonio Alonso, Iván Alonso; o secretario xeral de
ANFACO-CECOPESCA, Roberto Alonso; e outros empresarios do sector e
membros da xunta directiva: Albelo, CONNORSA, FRINSA, ACTEMSA, e
Conservas Antonio Pérez Lafuente.
Contexto
da xuntanza
Segundo
reflectiron os representantes das ditas entidades e lembrou Regades,
o complexo mar-industria, representado por ANFACO-CECOPESCA, estivo
traballando cos ministerios de Industria, Comercio e Turismo, así
como de Agricultura, Pesca e Alimentación para que a Comisión
Europea acepte un PERTE Mar-Industria con investimentos en dúas
áreas clave: dixitalización e sustentabilidade (por un importe para
mobilizar de ata 400 millóns de euros). Na xuntanza deste xoves a
organización expuxo ao director xeneral de Red.es o proxecto e o seu
avance. O delegado da Zona Franca, David Regades, explicou que
“estamos moi implicados na dixitalización e de feito Red.es xa
realizou varias presentacións na nosa sede en Vigo dirixidas a
diferentes sectores. Neste caso trátase dun dos sectores básicos da
economía galega que queren modernizarse para medrar en
competitividade e queremos apoiar o seu proxecto”.
O
secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Roberto Alonso, sinalou que
“existe un liderado indiscutíbel do complexo mar-industria español
que desexamos manter e para o que son necesarios investimentos que
nos/nos permitan adaptarnos aos retos de transición dixital en
beneficio da competitividade industrial e o emprego de calidade.
Temos que seguir esforzándonos en novas vías de colaboración
público-privada que, no noso caso, poderían ascender a mobilizar
ata 400 millóns de euros de darse as condicións oportunas. Unha
oportunidade que debemos aproveitar e que necesita da máxima
eficiencia para impulsar o momento”.
Pola
súa banda, o director xeneral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra,
subliñou que a entidade que dirixe, como “impulsora da
transformación dixital do país”, está “á beira das empresas
galegas neste proceso”. Así, referiuse a programas estatais como
Kit Dixital, que deixou ata o momento “en Galicia máis de 65
millóns de euros de fondos do Plan de Recuperación e preto de 950
millóns en toda España, o que demostra que as pemes españolas son
conscientes da necesidade de dixitalizárense”. Nese sentido,
referiuse á addenda que se está negociando con Europa e que
permitiría que as medianas empresas de entre 50 e menos de 250
empregados optasen ás axudas que ofrece este programa. Martínez
Lacambra, aproveitou a reunión para poñer en valor outros programas
de rRde.es, como os relacionados coa Intelixencia artificial e
posíbeis convocatorias futuras.
O
delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, destacou que “o
Plan de Recuperación do Gobierno xa chega a Galicia e a Pontevedra,
coa dixitalización como un dos piares básicos para o impulso das
nosas empresas e sectores estratéxicos”. O delegado trasladou que
o tecido económico galego pode contar co Goberno como “un dos
principais aliados das empresas” e animou a ir “da man” para
aproveitar “a oportunidade histórica do Plan de Recuperación” e
“non perder nin un só euro para Galicia”.
Visita
a Galicia de Red.es e 24 millóns de euros de Kit Dixital na
provincia de Pontevedra
O
director xeneral de Red.es realizou unha visita de dous días a
Galicia para comprobar a marcha do programa Kit Dixital, dotado cun
orzamento de 3.067 millóns de euros e financiado polo Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia do Gobierno de España a
través dos fondos europeos Next Generation EU. Ten como obxectivo
transformar pequenas empresas, microempresas e autónomos de todos os
sectores en todo o territorio nacional. Nestes momentos, recordou o
director xeral, “en Galicia concedéronse ao redor de 14.000 bonos
dixitais, o que supón máis de 65 millóns de euros dos fondos
europeos xa chegaron ás pemes da Comunidade para implementar
solucións básicas de dixitalización”. Na provincia de
Pontevedra, ata o momento, concedéronse 5.000 bonos dixitais, o que
supón que ao redor de 24 millóns de euros dos fondos europeos xa
chegaron ás pemes pontevedresas para impulsar a innovación dos seus
negocios.