A Xunta substituirá o correo postal polo SMS nos chamamentos para as contratacións temporais

luns, 18 de febreiro do 2019 Redacción

A Xunta de Galicia eliminará o correo postal con acuse de recibo nos chamamentos para a cobertura de substitucións no ámbito da Función Pública, e o substituirá pola mensaxe directa ao teléfono móbil (SMS), tal como establece a modificación que está a tramitar a Consellería de Facenda do Decreto 37/2006, que regula as listas de contratación temporal na Administración galega.
O cambio do correo postal polo SMS é unha aposta pola introdución dos novos medios electrónicos no sistema de xestión de listaxes. De feito, o SMS ofrece as mesmas garantías que o correo postal, posto que a Administración seguirá recibindo a confirmación de que o destinatario recibe o chamamento, pero ofrece importantes vantaxes respecto ao correo: é un sistema máis áxil, permitirá simplificar trámites e reducir os tempos de cobertura, e en definitiva suporá un aforro de custos para a cidadanía e para a Xunta de Galicia.
Con este cambio a Consellería de Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais, e para levalo a cabo, a Xunta de Galicia outorgará un prazo de 3 meses desde a entrada en vigor da modificación para que aquelas persoas inscritas nas listaxes que non achegaron un número de teléfono móbil para a súa localización completen este trámite.
Ademais, o decreto establece que adicionalmente a Administración galega tamén empregará outros dous medios electrónicos para realizar os chamamentos: o correo electrónico e a notificación electrónica a través da plataforma Notifica. En todo caso, a Xunta seguirá realizando os chamamentos de carácter urxente a través de chamada telefónica.

PUBLICIDADE