A Xunta solicita ao Goberno unha estratexia tecnolóxica que garanta a privacidade e a interoperablidade entre as comunidades

mércores, 6 de maio do 2020 Redacción

Galicia avoga por aproveitar todo o potencial da tecnoloxía para apoiar a saída da crise sanitaria, sempre baixo as premisas de privacidade, proporcionalidade e interoperabilidade. Así llo trasladou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, aos representes estatais na xuntanza telemática do grupo de traballo sobre rastreo e interoperabilidade, convocado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.
No encontro a responsable autonómica incidiu en que as solucións tecnolóxicas deben formar parte dos protocolos que establezan as autoridades sanitarias e, en consonancia cos criterios e directrices fixados no marco da rede de vixilancia epidemiolóxica. Neste sentido, Pereira destacou que a integración cos sistemas e plataformas de xestión clínica e asistencial dos servizos de saúde e cos seus mecanismos de alertas e seguimento da enfermidade, permiten un mellor aproveitamento e eficacia das solucións tecnolóxicas que se habiliten para a xestión da crise sanitaria.

Solución tecnolóxica de Galicia

A responsable autonómica avanzou que, sobre esta base, Galicia está a traballar nunha app que permitirá o establecemento dunha canle de comunicación personalizada en función do perfil de vulnerabilidade da persoa, así como unha xestión de contactos que facilite o seguimento dos mesmos por parte das autoridades sanitarias. Os contactos identificaranse, a través da declaración da persoa de xeito voluntario
A aplicación permitirá a incorporación posterior de mecanismos de detección automática a través de bluetooth, para o que Galicia solicita ao Goberno de España que estableza os criterios e aos mecanismos de interoperabilidade que permita o funcionamento a nivel global con todas as garantías de respecto a privacidade que exixe a regulación europea e estatal.

Mar Pereira explicou que a solución tecnolóxica que se está a desenvolver en Galicia respecta en todo momento o regulamento europeo de protección de datos e leva asociadas as correspondentes análises de impacto na privacidade. Os algoritmos empregados así como o funcionamento do mesmo serán públicos e auditables.

Complemento doutras medidas

No encontro a directora da Amtega sinalou que a trazabilidade dixital de contactos pode ser unha boa ferramenta de axuda aos protocolos de rastreo de contactos que definan as autoridades sanitarias, máis efectivos en tanto se consiga a interoperabilidade técnica e semántica entre rexións europeas.
No caso de Galicia, que conta con potentes sistemas de información e plataformas tecnolóxicas integrais que permiten o seguimento clínico dos pacientes a través de mecanismos de teleasistencia, as novas solucións tecnolóxicas que se adopten deberán ser un complemento para que os cidadáns se sentan mais seguros para abordar a fase de desescalada.

PUBLICIDADE