A Xunta retoma a Lei de Impulso e Ordenación das Telecomunicacións de Galicia

xoves, 13 de decembro do 2012 Redacción

O Consello da Xunta acordou hoxe remitir de novo ao Parlamento o proxecto de Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia, tras a interrupción da súa tramitación pola disolución do órgano lexislativo. A norma, a primeira con que contará Galicia neste ámbito, ten como obxectivo axilizar e facilitar o despregamento ordenado de infraestruturas de telecomunicacións en todo o territorio dun xeito homoxéneo, harmónico e respectuoso co ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural.
A lei, que conta co informe preceptivo do Consello Económico e Social, resolve a ausencia ata o de agora dun marco de coordinación entre os diferentes axentes públicos e privados implicados nos despregamentos de infraestruturas de telecomunicacións, evitando que se dupliquen esforzos e investimentos. Esta necesidade faise máis evidente nun momento en que se están a executar as actuacións dos operadores no marco do Plan de Banda Larga e a incrementar rapidamente a demanda de redes móbiles e de nova xeración.
Con esta lei, Galicia complementa no ámbito das súas competencias, a estratexia estatal en materia de telecomunicacións para fomentar o investimento dos operadores e o despregamento de infraestruturas.
Unha das principais medidas recollidas na presente lei é o desenvolvemento do Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicación de Galicia, que permitirá establecer os criterios que deberán seguir os concellos e a Xunta de Galicia na planificación do territorio, convertendo os servizos de telecomunicacións nun elemento máis de planificación urbanística de xeito semellante á luz e á auga.
Ademais, a norma obrigará, cando sexa preciso, os operadores a compartiren as súas infraestruturas para o despregamento de redes de telecomunicación, o que contribuirá a unha implantación ordenada e eficiente das infraestruturas e ao fomento da competencia.
Por outra banda, a norma regula a previsión de infraestruturas de telecomunicación nos novos edificios públicos autonómicos así como a interconexión destes ás redes públicas electrónicas existentes. Isto garantirá o acceso aos servizos de telecomunicación de todos os centros públicos e reducirá o custo que suporía implantar solucións con posterioridade.
Ademais, promoverase a inclusión de infraestruturas de telecomunicación en proxectos de obra pública (estradas, redes de abastecemento de auga, etc.) de xeito que, en paralelo á realización destas obras, se dispoñan canalizacións e espazos que poidan ser empregados por operadores, públicos e privados.
No que respecta á implantación dos novos servizos das TIC nos fogares, obrigarase a que se inclúan as infraestruturas de soporte necesarias para o desenvolvemento do fogar dixital en vivendas de nova construción.
A importancia de asegurar o máximo respecto nos ámbitos protexidos verase reflectida co establecemento de normas de protección ambiental e cultural que permitan levar a cabo despregamentos en zonas de especial protección, garantindo o máximo respecto ao contorno.
Establécese a obriga de que a futura Rede dixital de seguridade e emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte á situación actual.
Por último, a lei recolle a creación do Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia, coa conseguinte desaparición do actual Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que se configurará como un órgano de estudo, asesoramento e apoio ao Goberno da Xunta de Galicia na definición e execución das políticas de telecomunicacións.

PUBLICIDADE