A Xunta reducirá considerablemente o seu gasto en telecomunicacións

xoves, 6 de febreiro do 2014 Redacción

Tras a reunión do Consello da Xunta de hoxe Alberto Núñez Feijoo anunciou que a Administración autonómica aforrará 13 millóns de euros cun novo contrato de telecomunicacións que inclúe melloras do servizo nos ámbitos educativo, sociosanitario e xudicial, para o que a Xunta tivo que “desbloquear os trámites necesarios para poder adxudicar no primeiro semestre deste ano o contrato de telecomunicacións da rede corporativa da Xunta, que proporcionará servizo de Internet, telefonía fixa e móbil aos máis de 3.000 centros da Administración pública”.
O novo contrato terá un orzamento de 39,3 millóns de euros (3 menos que o contrato anterior) e requirirá por parte dos operadores adxudicatarios investimentos de 12 millóns de euros. A licitación do concurso publicarase nos vindeiros días por parte da AMTEGA, e tamén incluirá a integración das redes de datos do CIXTEC e da CRTVG na Rede da Xunta, eliminando duplicidades de rede e incrementando a redundancia nas comunicacións, garantindo a súa dispoñibilidade en casos de incidencias.
Feijoo detallou que a nova situación contractual “abrangue tamén o mantemento do equipamento electrónico de toda a Administración autonómica”, fronte ao marco agora vixente en que este mantemento é xestionado por cada un dos departamentos da Xunta. O novo contrato implica asumir o mantemento de toda a infraestrutura, reducindo custos ao centralizar a contratación.
Ademais da mellora do ancho de banda e a ampliación das liñas de apoio (especialmente en centros educativos, sociosanitarios e os xulgados), o novo concurso prevé melloras adicionais como o obter rebaixas no prezo dos servizos que se prestan en caso de que a Comisión do Mercado de Telecomunicacións ou organismos internacionais establezan reducións nos prezos de mercado.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijoo destacou que o contrato prevé tamén a ampliación a 5 Gbps da capacidade da rede corporativa, a renovación do equipamento que estea obsoleto, así como a homoxeneización dos sistemas de seguridade no acceso a internet, reforzando a seguridade ante posibles ataques externos.

O Consello da Xunta de hoxe desbloqueou os trámites para poder adxudicar o seu novo contrato de telecomunicacións

PUBLICIDADE