A Xunta reconstrúe dixitalmente o vello Portomarín e ofrece paseos virtuais pola vila

luns, 20 de novembro do 2023 S. P.

O Goberno galego compartiu os detalles dun novo proxecto autonómico de dixitalización do patrimonio que reconstrúe e permite visitar a antiga vila de Portomarín tal como era antes de quedar asolagada polo río Miño en 1963 coa construción do encoro de Belesar.
Esta nova experiencia intégrase dentro do Galiverso na Cidade da Cultura, unha iniciativa que amosa dunha maneira diferente e aberta a riqueza histórica e natural do país mediante o uso da Realidade Virtual.
Máis de 250 casas, as hortas, o río e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás (que, como lembraremos, foi trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento) foron recreados ao detalle en Galiverso.
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, presentou esta mañá a iniciativa no Museo Centro Gaiás, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Os profesores de Historia da Arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, do estudo dixital Maxina, forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.
Manuel Vila destacou “o amplísimo traballo realizado por este equipo multidisciplinar, cen por cen galego, para traer de novo á vida o vello Portomarín, ofrecendo a posibilidade de coñecer de primeira man como era a aquela vila á beira do vello leito do río Miño”. Puxo o foco nas máis de 40.000 fotografías que José López, de Foto Pereira, realizou para documentar os traballos de traslado dos edificios e a memoria de cada unha das casas da localidade. “Estas fotografías, as entrevistas cos veciños, así como os filmes conservados na Filmoteca de Galicia foron fundamentais para reconstruír con rigor científico a arquitectura, orografía e paisaxe anegadas polas augas”, segundo explicou o profesor Jesús Ángel Sánchez García no acto.
Vila salientou tamén a expansión do Galiverso dentro do Museo Centro Gaiás como parte da súa aposta por ampliar a oferta de contidos culturais ligados á arte dixital. A experiencia pioneira de Carne y Arena, o Galiverso e a próxima aventura sensorial Hábitats. Natureza estendida, que se inaugurará en decembro, “son mostra dunha liña de traballo fundamental na que se afondará co futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia”, dixo.

PUBLICIDADE