A Xunta re-inaugura a praza de abastos de Vilagarcía, tecnoloxicamente máis avanzada

venres, 13 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O conselleiro de Economía Industria, Javier Guerra, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inauguraron hoxe as novas instalacións da Praza de Abastos de Vilagarcía

Co obxectivo de modernizar as prazas de abastos do país e aproveitar o pulo das TIC para volver a poñer en auxe estes mercados tradicionais galegos, a Consellaría de Economía e Industria puxo en marcha no seu día o Plan Ágora, Agora Re-comercia, co que se levaron a cabo medidas de modernización e habilitación nalgunhas prazas galegas, nas que se instalaron puntos de información interactivos.
Nestes dispositivos pódese consultar a información sobre os produtos que están á venda en cada unha das Prazas, así como acceder a suxestións de receitas para elaborar con eles e indicacións para atopalos no recinto. Asemade, permite dar rapidamente cos servizos existentes na propia praza, información turística da zona e menús saudables elaborados pola Consellería de Sanidade.
Desta volta, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, achegouse ata a Praza de Abastos de Vilagarcía, acompañado da conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, onde tiñan como misión inaugurar as novas instalacións deste mercado, dotadas das últimas tecnoloxías.
Ámbolos dous titulares salientaron “a aposta da Xunta a prol da modernización das Prazas de Abastos como líderes na venta de produtos frescos e de calidade”, e Guerra concisou que “deben converterse nun referente do comercio de calidade e para logralo é necesario promocionar a súa actividade, revalorizando o labor dos profesionais que dan vida aos mercados galegos”.
Neste sentido, o titular de Economía e Industria lembrou que dende a Consellería activouse tamén unha nova campaña de promoción e fidelización dos clientes das prazas, que consiste en escoller aos mellores praceiros e praceiras de Galicia e inclúe o sorteo de cupóns para gastar no mesmo mercado. A campaña estará activa até o 20 de xaneiro.

PUBLICIDADE