A Xunta prevé que para 2009 todas as plataformas tecnolóxicas entren na UE a través de Neurona

mércores, 3 de decembro do 2008 Raquel Noya

O director xeral de I+D+i da Xunta, Salustiano Mato, vén de anunciar que o vindeiro ano 2009, tódalas plataformas tecnolóxicas galegas “estarán presentes na Unión Europea a través da Rede Neurona”, dando un salto cualitativo na internacionalización dos seus servizos e ferramentas.
Logo de presentar en Bruxelas a Rede de Plataformas Tecnolóxicas Galegas, Neurona, perante 75 axentes de I+D+i da UE, Mato destacou que as agrupacións desta comunidade “xa conseguiron madurar para abordar o mercado estatal” e engadiu que “agora é o momento de facer o mesmo co comunitario”.
O director xeral pretende a que Rede Neurona sexa “a marca en investigación” de Galicia e que a Unión Europea perciba á comunidade autónoma como “socio estratéxico e de interese” para cooperar e incluso con vocación de liderar proxectos de I+D+i.
O responsable autonómico desta materia citou entre as plataformas tecnolóxicas galegas “máis maduras” as vinculadas á automoción, á alimentación e ás tecnoloxías da información e a comunicación e engadiu que para o vindeiro exercicio “poden ter xa a masa crítica precisa outras como as relacionadas co naval e a madeira”.

Impulso da I+D+i

Galiza conta na actualidade cun total de 14 plataformas tecnolóxicas constituídas que supoñen a base do impulso da I+D+i galego e do sólido desenvolvemento económico e social. Dentro das mesmas figuran 542 empresas e 44 asociacións empresariais.
Dende o ano 2006, a Consellaría de Innovación e Industria destinou 2,5 millóns de euros para a creación destas plataformas nos sectores TIC, automoción, agroalimentación, construción naval, enerxía, medio ambiente, biotecnoloxía, pesca, granito, materias e procesos de fabricación, madeira, audiovisual e produto gráfico e libro.
Estas plataformas, lideradas polos respectivos centros tecnolóxicos ou clústeres empresariais, son instrumentos que agrupan a axentes representativos do contorno produtivo, científico e tecnolóxicos dun sector, tales como empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación universitarios ou entidades financeiras.

PUBLICIDADE