A Xunta prevé para antes de dous meses a primeira televisión en liña sobre audiovisual galego

venres, 30 de novembro do 2007 Raquel Noya

Segundo avanzou en declaracións a Europa Press o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias, Galicia contará nun prazo de dous meses coa primeira canle de televisión por Internet para a promoción do audiovisual destinada fundamentalmente ás produtoras, para a súa comercialización en todo o mundo.
O principal obxectivo desta canle vai ser dar a coñecer a produción audiovisual galega por todo o mundo e ofrecerlles unha oportunidade de mercado ós produtos da nosa comunidade.
Precisamente, a canle de televisión onde se van ofrecer o conxunto destes produtos xa está aberta na dirección http://tv.audiovisualdegalicia.es que se puxo en funcionamento con motivo do simposio Pobre Mundo Rico e ao que se agregarán ferramentas como un buscador coa base de datos para procurar fondos ou contactar coas distribuidoras.
O tema foi presentado a propósito do Foro da Academia aberta 2007 que se está a celebrar en Santiago de Compostela e no que especialistas e profesionais están a avaliar o estado da TDT en Galicia así como os plans de negocio das 49 licenzas concedidas a diferentes empresas nos últimos dous anos.
Na súa intervención de apertura do devandito acto, que se prolongará ó longo do día de hoxe, Manuel José Fernández incidiu en que se trata dun proxecto pioneiro en Galicia e innovador a nivel estatal, realizado con tecnoloxía cen por cento galega e que converterá a comunidade na primeira administración autonómica cunha canle de televisión propia a través de Internet.
Tras as xornadas do Foro, o sábado, día 1 de decembro, a Academia Galega do Audiovisual celebrará unha Asemblea Extraordinaria e, posteriormente, haberá unha comida de clausura do Foro Academia Aberta 2007, só para académicos e invitados.

PUBLICIDADE