A Xunta potenciará os servizos sociais públicos a través da tecnoloxía

xoves, 24 de outubro do 2013 Redacción

Tras o consello da Xunta de hoxe, o presidente Alberto Núñez Feijoo, avanzou en rolda de prensa que o Executivo autonómico destinará 8 millóns de euros á planificación tecnolóxica dos servizos sociais públicos, con tres obxectivos fundamentais: facer realidade a aspiración dunha historia social única para cada usuario, que poida cruzarse coa historia clínica electrónica e que, deste xeito, permita en consecuencia unha necesaria coordinación entre o Servizo Galego de Saúde e os servizos sociais; mellorar os servizos que se lle dá aos usuarios dos dispositivos asistenciais, tanto para acceder a eles como para diminuír os trámites e ampliar a oferta; e captar máis financiamento europeo, xa que o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, financiará os gastos por indicadores de persoas atendidas.
Tocante ao aforro, Feijoo destacou que esta iniciativa permitirá un aforro estimado duns 30 millóns de euros cada ano, nos servizos sanitarios; e de 4 millóns de euros de aforro cada ano, nos servizos sociais, ao que engadiu que busca “un maior desenvolvemento de Galicia neste eido, buscando ser un referente nacional no que se refire a coordinación sociosanitaria, a coordinación entre os servizos sociais e os servizos sanitarios”.
Unha das claves do Plan é a creación dun sistema integrado de intercambio de información entre os sistemas sociosanitarios e as administracións local e autonómica.
Outro dos eixos do Plan é a modernización da xestión dos centros asistenciais, orientándoos cara a unha especialización en coidados de larga duración evitando, no posible, as estancias en hospitais. Esta medida irá acompañada da implantación dunha plataforma de teleasistencia social que favoreza o autocoidado preventivo no fogar.
Para acadar estes obxectivos a plataforma prevé servizos como a monitorización do usuario en tempo real, aplicacións de rehabilitación sensorial a través de televisores conectados ou tablets e servizos de seguimento e localización de persoas con risco de extravío. A implantación destas solucións tecnolóxicas na xestión dos servizos sociais será clave para maximizar a eficacia do sistema e conseguir maior accesibilidade, menos tempo de espera e máis coordinación.
Con esta finalidade, crearanse ou melloraranse as ferramentas empregadas polos profesionais para a xestión da información e impulsarase a presentación de documentación en formato electrónica, así como as notificacións telemáticas en lugar de empregar o correo ordinario.
Así mesmo, e no eido de mellorar cualitativamente os servizos sociais, o titular da Xunta destacou a modificación do decreto que regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, con tres cambios salientables: auméntase a capacidade de actuación da Administración sanitaria para a protección da saúde pública, ao permitir o acceso á historia clínica electrónica por razóns epidemiolóxicas ou de protección da saúde pública; recóllese a actualización legal que obriga a que se facilite a historia clínica electrónica completa cando o demande unha autoridade xudicial; e, desde os centros sociosanitarios públicos se poderá acceder, por primeira vez, á historia clínica sanitaria dun galego ou galega.

PUBLICIDADE