A Xunta pon na web trinta recursos cartográficos elaborados polo SITGA

luns, 30 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Cantas máis ferramentas prácticas para a sociedade se poñan na Rede, máis se afondará no seu uso e, sobre todo, máis se entenderá para que serve, sobre todo naqueles sectores de Galiza onde aínda non se emprega Internet porque non se viu con probas e sinais que pode ser útil para algo.
Esta función normalizadora (o simple acto de conseguir un mapa rural é unha boa porta de acceso á Sociedade da Información) é unha das finalidades do Catálogo Cartografía Galicia que veñen de presentar as Consellerías de Medio Rural e Política Territorial e que se apoia no emprego da Rede como o transporte se apoia dende hai séculos nas estradas e nos camiños. A maiores, o servizo ten outro gran obxectivo: facilitar o acceso de especialistas e sociedade galega en xeral a todo o que desenvolve o Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) no que atinxe á cartografía.
Temos polo tanto unha ferramenta (o catálogo presentado o luns no Club Internacional de Prensa de Santiago) e-normalizadora que recompila 30 recursos diferentes, entre os que se contan utensilios descargables a baixo custo –gratis se non hai fin comercia– de cartografía básica (base topográfica de Galicia, escalas medias), mapas do medio natural galego, de territorios e poboación e de relevo.
O Catálogo Cartografía Galicia inclúe ortoimaxes de satélite e imaxes aéreas, material todo que a xuízo de Edelmiro López, director xeral de Desenvolvemento Rural, resulta moi útil para o deseño e execución de plans de ordenación urbanística, de infraestruturas de transporte ou de calquera tipo de actuación que se faga sobre o territorio.
Segundo López e os restantes responsables do desenvolvemento deste servizo que acudiron ó club de prensa, do que se trataba á hora de poñer en marcha estas ferramentas era de facer algo accesible (claro e fluído) e que tivese un claro beneficio social íntegro. “Hoxe en día”, engadiu López, “non se concibe o desenvolvemento dun país e das súas administracións sen a posta en xogo dunha cartografía exhaustiva que poña de manifesto toda a potencialidade e os usos actuais dun territorio concreto”.
O acceso a estes trinta recursos pode consultarse en diferentes formatos, e en breve serán engadidos máis recursos e máis formatos.
Os seus principais destinatarios serán os colectivos que traballan a cotío con esta ferramenta: xestores do territorio tanto do eido público como do privado. Mais o servizo tamén pode ser de gran utilidade para educadores, investigadores, estudantes ou profesionais de todo tipo de sectores produtivos.

PUBLICIDADE