A Xunta permite descargar da Rede o Bono Deporte até o 29 de febreiro

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

O pasado 8 de xaneiro a Xunta abriu o prazo para descargar en liña o Bono Deporte, do que poden beneficiarse todas as familias con nenos e nenas de 6 a 16 anos que teñan licenza federada ou que participen no Programa Xogade. A descarga do bono poderá realizarse ata o 29 de febreiro. Unha vez descargado, a contía queda reservada e poderá empregarse en calquera momento ata o 1 de xullo nos máis de 700 establecementos adheridos á iniciativa.
Para poder realizar a descarga dos bonos é preciso darse de alta na web bonodeporte.gal, unha vez recibido un SMS de validación, xa se pode activar e descargar nunha aplicación wallet o bono en formato dixital a través dun código QR.
O bono desconta un 80% do custo de cada compra ata esgotar o importe. A contía vaise reducindo en función do valor da compra realizada (IVE incluído). Permite financiar a compra de material e equipamento e a realización de actividades deportivas, como a cota dos clubs, clases, monitores ou cursos.
O desconto realizarase amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa, que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña.
A entidade accede á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Deste xeito, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o wallet do cliente.
A cidadanía pode empregar tamén o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.
Co Bono Deporte preténdese potenciar a vida saudable dos nenos e nenas, que socialicen entre eles e medren con saúde. Ao mesmo tempo, esta medida supón unha axuda para as familias nos gastos relacionados co práctica deportiva dos seus fillos e fillas.
Supón ademais unha ferramenta para fomentar o deporte base e os valores do deporte entre a rapazada, que complementa outras iniciativas da Xunta co mesmo obxectivo como é o caso do Programa Xogade.
Trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra.

PUBLICIDADE