A Xunta participa en Estonia nun encontro para coñecer o proceso de dixitalización do país

martes, 24 de maio do 2022 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, participa xunto aos máximos responsables en materia de dixitalización de diferentes comunidades autónomas nun encontro de traballo en Estonia. Ao longo de tres xornadas asistirán a diferentes encontros nos que coñecerán de primeira man as iniciativas de dixitalización de Estonia, un país pioneiro en Europa nesta materia que conseguiu configurar un ecosistema dixital, eficiente, seguro e transparente.
Estas xornadas de traballo, que comezaron onte e se prolongarán até mañá, ofrecerán tamén a oportunidade de establecer liñas de colaboración en materia innovación e tecnoloxía entre Estonia e as comunidades participantes. Nesta liña a directora da AMTEGA avanzou que a Xunta incorporará ao seu novo Plan de Administración e Goberno Intelixente o desenvolvemento da identidade dixital da cidadanía, así como o impulso así mecanismos seguros de compartimento de datos e a personalización dos servizos públicos.
O programa do encontro comeza onte cunha xornada centrada no eGoberno, na que explicarán as estratexias de Estonia para conseguir que os 99% dos servizos públicos do país sexan dixitais. A xestión do cambio e a formación en competencias son outra das claves da dixitalización de Estonia, que se abordará neste encontro.
Ademais, a os representantes autonómicos coñecerá en detalle o sistema de identificación estoniano, o máis avanzado do mundo, que facilita o acceso dixital a todos os servizos electrónicos que ofrece a Administración deste país. O seguinte encontro está centrado na interoperabilidade de datos, na que explicarán o funcionamento da plataforma X-Road, que permite o que os diferentes sistemas de toda a Administración estoniana se comuniquen entre si.
Outro dos temas previstos no programa será a ciberseguridade, outro aspecto no que Estonia ocupa unha posición de liderado en Europa. Ademais, a delegación de responsables de dixitalización das comunidades autónomas tamén coñecerá iniciativas e big data móbil aplicado ao transporte e o turismo e a iniciativa HK Unicorn Squad, un club de tecnoloxía para rapazas, no que se forman en enxeñaría, programación, robótica ou multimedia.

PUBLICIDADE