A Xunta incrementará nun 14% o investimento en tecnoloxía para fomentar o crecemento dixital de Galicia

venres, 6 de novembro do 2015 Redacción

O vindeiro ano a AMTEGA incrementará en máis dun 14% o investimento en tecnoloxía, destinando 65,5 millóns de euros a desenvolver iniciativas das cinco liñas estratéxicas da Axenda Dixital 2020, tal e como indicou a directora do departamento autonómico, Mar Pereira, durante a súa comparecencia no Parlamento para explicar as contas da Axencia para 2016. A AMTEGA xestionará o vindeiro ano un total de 96,4 millóns de euros para executar actuacións orientadas “a vertebrar o noso territorio; a avanzar nuns servizos públicos accesibles, eficientes e próximos; a impulsar a transformación dixital de sectores tradicionais e apostar polo crecemento dun sector tecnolóxico, intensivo en creatividade e innovación".
A directora da AMTEGA destacou que o seu departamento destinará en 2016 máis do 31% do seu investimento a continuar coa modernización da administración autonómica e da administración xudicial.
Investiranse 14,3 millóns de euros en desenvolver actuacións contempladas no Plan de Goberno e Administración Dixital 2020. Entre elas, potenciarase a sede electrónica, que posibilitará a tramitación electrónica integral de 200 procedementos; porase a disposición das entidades locais a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, na que se prevé acadar os 2 millóns de consultas; estenderase a dixitalización dos documentos nos rexistros presenciais, que xa se está a pilotar no Rexistro Xeral da Xunta e consolidarase o Arquivo Dixital Integrado, unha peza fundamental para unha administración verdadeiramente dixital e sen papeis.
Estas medidas irán acompañadas doutras actuacións de carácter interno, imprescindibles para conseguir unha administración dixital pero tamén máis áxil e eficiente. Así, 12.000 postos de traballo empregarán software libre e porase en marcha unha nova rede de videoconferencia corporativa, con mais de 50 novos puntos de servizo para reducir de desprazamentos entre centros.

eXustiza

No eido da modernización da Administración de Xustiza, o orzamento prevé unha dotación de 5 millóns de euros para afrontar os retos derivados da implantación do novo modelo organizativo xudicial e do Expediente Xudicial Electrónico como se recolle no Plan Senda 2020, aprobado o pasado mes de agosto
En 2016 estenderase o uso do visor do expediente xudicial a todos os órganos xudiciais, o 100% das salas de vistas disporán de servizo de videoconferencia; impulsaranse as comunicacións electrónicas entre os colectivos profesionais e os órganos xudiciais ata acadar os 5 millóns a través de Lexnet.

Educación e eBenestar

A AMTEGA destinará 9,3 millóns euros a 2 ámbitos de enorme repercusión social, a consolidación da educación dixital e a modernización dos servizos de benestar.
No eido educativo, cun investimento de 6,7 millóns de euros, conseguirase que todos os nenos e nenas de Galicia que estuden entre 5º de educación primaria e 4º da ESO nun centro publico, podan aproveitar os beneficios da tecnoloxía. Máis de 100.000 alumnos de centros públicos se beneficiarán da dixitalización das aulas que no marco do Proxecto Abalar.
A iniciativa eDixgal, permitirá a máis de 7.500 alumnos de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO empregar contidos dixitais gratuítos para as familias, e que poden empregarse incluso en lugares con baixa conectividade.
No eido do benestar en 2016 investiranse 2,5 millóns de euros para avanzar na consolidación da Historia Social Única, que entrará en funcionamento este ano, integrando toda a información da historia social do individuo.

eTurismo e eCultura

Investiranse 4,5 millóns de euros en solucións tecnolóxicas para un sector estratéxico para Galicia como é o do turismo, así como en garantir a preservación e difusión do patrimonio cultural a través das novas posibilidades que ofrece a tecnoloxía.
No marco do Plan Smart Turismo en 2016 porase en marcha da plataforma de difusión do Camiño de Santiago, SmartCamiño, como instrumento chave na promoción do sector turístico neste ámbito; e culminarase o despregamento e posta en funcionamento de Wi-Fi na rede pública de albergues
No eido cultural, avanzarse a consolidación do Arquivo Electrónico Patrimonial e no deseño do sistema de xestión do patrimonio e de catalogación de recursos de arquivos, bibliotecas e museos, para a facilitar a difusión do patrimonio cultural galego, integrado nas redes estatais e europeas e orientadas a fomentar a reutilización por parte do sector.

Reforzo dos recursos territoriais

En 2016 investiranse 2,5 millóns de euros para desenvolver sistemas de transporte intelixente e de xestión innovadora dos recursos naturais. Consolidarase o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade de Galicia para mellorar a xestión e control da flota adscrita ao servizo de transporte público regular de viaxeiros de Galicia. Ao longo de 2016 integraranse na plataforma unhas 100 empresas de transporte e máis de 1.000 autobuses, para atender a unha demanda de 25 millóns de viaxes.
No eido medioambiental, a Plataforma Galega de Información Ambiental, GAIA, converterase no punto único de acceso para que as empresas cumpran coas súas obrigas en materia medioambiental coa Xunta de Galicia. Esta plataforma será accesible, integrable, escalable e con capacidades de interconexión e de interoperabilidade tanto no ámbito autonómico como estatal ou europeo.

Infraestruturas de telecomunicación e sociedade dixital

En 2016 abrirase a primeira convocatoria pública do Plan de Banda Larga para incentivar os despregamentos de redes de 100Mbps para que no 2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500 habitantes (o 60% da poboación da Comunidade) e o 55% dos polígonos e parques empresariais, o que supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en Áreas Empresariais de Galicia.
O Plan de Banda Larga 2020 contempla ademais medidas para incentivar e promover o uso das TIC a través de actuacións novas e empregando recursos xa existentes como a Rede CeMIT, que en 2016 impartirá preto de 45.000 horas de formación, incrementando os seus usuarios ata os 55.000. Porase en marcha o Plan de Inclusión Dixital, que define un modelo global e universal de inclusión dixital, que permita a calquera persoa, independente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Dixitalización empresarial e impulso ao sector TIC

Os investimentos da AMTEGA tamén teñen como obxectivo contribuír á dixitalización do tecido empresarial e ao desenvolvemento do sector TIC galego. O Centro Demostrador TIC realizará no o 2016 máis de 100 actividades para facilitarlles á empresas a incorporación das novas tecnoloxías aos seus modelos de negocio
Avanzarase na consolidación dun hipersector TIC con iniciativas como o Programa Transforma TIC, que contará orzamento de 1,1 millóns de euros para desenvolver actuacións, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC.

PUBLICIDADE