O Goberno galego incrementa a súa aposta polo I+D+i nos orzamentos

luns, 19 de outubro do 2009 Raquel Noya

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que onte se desprazou ata Cambridge para reunirse con investigadores, doutorandos e estudantes galegos e españois para colaborar con eles na posta en marcha dunha Axencia de I+D+i que aglutine orzamentos e estratexias, aproveitou a ocasión para resaltar que a creación deste organismo “é unha aposta da Xunta pola investigación con impacto económico”.
Trátase dunha axencia que espera levar ao Parlamento no primeiro trimestre de 2010, co fin de que estea funcionando no segundo semestre do mesmo ano e poida axudar a apoiar a investigación e a innovación tecnolóxica aumentando o seu peso en preto de medio punto no orzamento do 2010.
Neste senso, e dentro desta materia de axudas á investigación, Feijóo quixo destacar o Programa de Consolidación de Unidades de Investigación, posto en marcha pola Consellería de Educación, e complementado coas “axudas instrumentadas desde Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Consellería de Economía e Industria”. O obxectivo xeral do programa é, segundo afirmou, “promover un mellor desenvolvemento do sistema público de I+D+i nas universidades, para facilitar a consolidación de capacidades científicas, a competitividade e a especialización”. Este esforzo concretarase “na aposta pola consolidación dos grupos de investigación mais competitivos do Sistema Universitario Galego, no financiamento de redes de investigación, no apoio a promoción dos novos grupos de investigación, e na promoción da Agrupación estratéxica de grupos de investigación”.
“Así mesmo, proseguiu Feijóo, a Xunta aposta pola incorporación dos investigadores aos OPIs (Organismos Públicos de Investigación), e confía en que a empresa tome o impulso definitivo no I+D+i que permita incorporar investigadores moi cualificados”.

PUBLICIDADE