A Xunta impulsa a formación en comercio dixital para a industria galega

luns, 21 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

A Xunta de Galicia segue a impulsar a formación nos procesos de internacionalización dixital a través do programa Fórmate Internacional do IGAPE. Esta iniciativa conta con máis de 400 empresas neste eido e ten o obxectivo de formar ás pemes e autónomos galegos en iniciativas dixitais de busca de novos mercados.
O programa Fórmate conta coa participación dos máis destacados marketplaces do mundo como Amazon e Alibaba. Neste sentido, esta semana un representante de Alibaba deu a coñecer as características do xigante asiático; e para o vindeiro 24 de febreiro, está prevista unha intervención dun voceiro de Amazon.
Con esta iniciativa, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, queren ofrecer “formación para que o tecido empresarial galego sexa capaz de afrontar un escenario novo marcado pola pandemia”. Desta maneira, sumado a esta aposta pola formación, Galicia ven de acadar os mellores rexistros históricos nas súas exportacións durante o ano 2021, un 21% máis que no exercicio anterior.
Dende o pasado setembro, Fórmate está a impartir unha nova sesión temática cada semana, que se pode volver a consultar na plataforma virtual do curso. Segundo o programa, tamén se lle entregará unha ficha didáctica aos participantes co resumo dos contidos, así como un boletín de novas de actualidade relacionadas coa materia tratada. O curso abrangue temas que van dende mercadotecnia dixital e loxística, ata como inflúen as diferenzas culturais nos procesos de negociación e cooperación internacional.

PUBLICIDADE