A Xunta financiará proxectos de innovación tecnolóxica relacionados co Xacobeo

luns, 26 de outubro do 2009 Raquel Noya

A Consellería de Economía e Industria, a través do Diario Oficial de Galicia, vén de publicar unha nova liña de axudas para o financiamento de accións orientadas a produtos ou servizos de innovación tecnolóxica relacionados co Xacobeo 2010, un proxecto que contará con preto de nove millóns de euros para a súa execución, e que ten como principal obxectivo ofrecer servizos de valor engadido mediante as TIC para os peregrinos e turistas que visiten o noso país.
Con esta iniciativa, o Goberno galego está a acumular esforzos para aproveitar a oportunidade que lle brinda o Xacobeo 2010 á nosa comunidade alén dos eidos estrictamente relixioso e turístico, xa que, é unha ocasión, segundo afirman, “para impulsar o desenvolvemento económico mediante unha aposta pola investigación e a innovación tecnolóxica”.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as empresas de carácter privado que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. As accións que se subvencionen deben utilizar as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) para incrementar a calidade da oferta turística, das actividades ou dos servizos relacionados co Xacobeo 2010. As bases da convocatoria, que permanecerá aberta até o vindeiro 21 de novembro, recollen a posibilidade de conceder anticipos de até o 80% da contía da axuda para as empresas beneficiarias, de maneira que reciban parte da subvención antes de efectuar o gasto, sen necesidade de presentar garantía a favor da Xunta de Galicia.
En concreto, considéranse proxectos subvencionables nesta convocatoria aqueles que poidan dar soporte mediante as TIC a servizos de valor engadido para peregrinos e outras persoas interesadas no Xacobeo 2010, como son dispositivos móbiles, de localización ou xeoreferenciación, redes sociais e web 2.0.
Subvencionaranse tamén desenvolvementos destinados a servizos audiovisuais de promoción ou soporte das actividades do Xacobeo, proxectos que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración e estudo de elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Xacobeo e, en xeral, traballos baseados nas TIC que supoñan un pulo á innovación e mellora da calidade da oferta turística (promoción dixital do sector, mellora das relacións cos clientes, incremento da oferta de servizos e diferenciación, etc).
Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter, cubrir e imprimir a través da aplicación informática Axudas Virtual establecida na web da Xunta e na web da Consellaría de Economía e Industria.
As solicitudes presentaranse preferentemente na Oficina de Rexistro Único e Información de San Caetano (Santiago de Compostela) ou ben por calquera dos outros procedementos establecidos pola lei.

PUBLICIDADE