A Xunta felicita polo seu galardón internacional ao grupo responsábel de CX Geodron

xoves, 30 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O ano 2019 rematou cun importante recoñecemento para a nosa investigación aeroespacial: a concesión do “Óscar do espazo” (así se coñecen coloquialmente os premios Galileo Masters) ao proxecto CX Geodron, impulsado por dez investigadores da Universidades de Vigo en colaboración coa Universidade de Oviedo. Este xoves 30 de xaneiro, o proxecto volveu subir á palestra dos medios polo encontro mantido entre os seus responsábeis e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, unha xuntanza na que tamén participaron a directora da axencia GAIN, Patricia Argerey, e máis a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, Consuelo Pérez. O proxecto CX Geodron, como lembraremos, foi galardoado en decembro na categoría Idea of the year.
Na cita de hoxe, en representación do equipo de investigadoras e investigadores que fixo posíbel CX Geodron, participou Yolanda Rodríguez Vaqueiro, que lidera o grupo galardoado, e máis Borja González Valdés, membro do equipo de Radio UAV, do que abrolla a iniciativa distinguida. No transcurso da xuntanza fíxose fincapé na necesidade de “seguir impulsando a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao mercado, impulsando así a competitividade do tecido empresarial galego”.
Programa Ignicia
Radio UAV e o proxecto CX Geodron contan co apoio do programa Ignicia da Xunta, dirixido a crear ou manter máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a 18 proxectos de I+D que teñen resultados que poden chegar ao mercado, cun investimento de máis de 8 millóns de euros. O proxecto CX Geodron foi seleccionado para participar na modalidade de incubación da primeira edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), do Polo Aeroespacial de Galicia.
Un radar avanzado
A idea básica de CX-Geodron consiste nun radar instalado nun vehículo aéreo non tripulado que permite, mediante a utilización de bandas UHF e SHF, a detección e identificación de obxectos a nivel terrestre e subterráneo. Os principais usos que podería ter son: detección de minas antipersoas; detección de contaminación mariña e derrames de petróleo; usos arqueolóxicos; localización de infraestruturas soterradas; servizos GPR tradicionais e detección de volume e altura de masas forestais preto de infraestruturas críticas tales como torres de media e alta tensión.


PUBLICIDADE