A Xunta fai balance do que deu de si o CDTIC no seu primeiro ano en funcionamento
xoves, 24 de maio do 2012
Desde que se puxo en marcha o Centro Demostrador
TIC de Galicia, hai agora un ano, preto de 40 empresas do sector tecnolóxico
galego presentaron alí as súas solucións e ferramentas innovadoras, para
poñelas a disposición do empresariado do país que precisara botar man delas
para mellorar os seus negocios.
Ás distintas xornadas demostradoras que se
celebraron neste tempo asistiron máis de 350 profesionais galegos, que ademais
de coñecer de primeira man os usos e vantaxes das ferramentas TIC presentadas,
tamén tiveron a oportunidade de ver por dentro as instalacións do Centro e
comprobar o uso que eles poderían darlle chegado o momento.
No tocante ás actividades desenvolvidas ao longo
deste tempo destaca o carácter transversal das mesmas, ao estaren dirixidas a
todos os sectores produtivos de Galicia, tales como, por exemplo o
Agroalimentario, Téxtil, Metal ou da Pedra, que tamén teñen solucións
tecnolóxicas á medida de cadansúas necesidades.
Os datos que achegan dende a Administración son que
“o 14,5% das empresas que asistiron
pertencen aos sector TIC, tamén estiveron representados outros sectores como
administración pública (7,1%), educación (6%), telecomunicacións (5,7 %),
actividades profesionais científicas e técnicas (3%), alimentación e bebidas
(2,7 %) e enerxía (2,7 %), entre outros”.
Pola súa parte, o MapaTIC.gal, a
ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia que permite
ter localizados e identificados aos provedores de solucións tecnolóxicas do
país e aos potenciais demandantes de tecnoloxía para aproveitar as sinerxías
que poidan xurdir entre ambos, “segue a
incrementar o número de rexistros”, afirman dende a Xunta, e no momento de
escribir esta nota contaban con 152 provedores tecnolóxicos e 329 solucións
tecnolóxicas.
Os responsables da iniciativa farán públicos todos
estes e máis datos o vindeiro 31 de maio, no marco dunha xornada demostradora
que terá lugar no CDTIC a partir das 9:00 horas.