A Xunta está a deseñar un Plan estratéxico de acción para impulsar a implantación e a difusión do software libre na Comunidade
mércores 27 de xaneiro do 2010, por | |
| Compartir |
A Xunta de Galicia está
a traballar no deseño dun Plan de acción destinado a impulsar a implantación do
software libre desde a Administración autonómica e a difundir e impulsar o
seu uso entre o conxunto da cidadanía. Este proxecto está dirixido e xestionado
pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento
Tecnolóxico de Galicia, que centraliza todas as iniciativas públicas
relacionadas co fomento e a promoción do software libre, de acordo coas
estratexias marcadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación
Tecnolóxica (SXMIT).
Este Plan de acción,
cuxas directrices xa foron adiantadas as asociación do Sector TIC, nunha
recente xuntanza de traballo, e que poden consultarse na web http://
imit.xunta.es, xurde do interese do Goberno galego por fomentar o software
libre, dada a súa importancia para reducir a fenda dixital e para acadar un uso
máis eficiente dos recursos públicos. Por ese motivo, a Secretaría Xeral de Modernización
e Innovación Tecnolóxica decidiu apostar firmemente por procurar un aumento da
eficacia das medidas que se están a executar para a difusión do software libre.
Ata este momento, foron
varias as iniciativas postas en marcha desde a Administración galega para
impulsar a implantación do software libre. Entre estas iniciativas figura mancomun.org, posta en marcha pola
Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico
de Galicia, pero que en ningún momento chegou a ter o rango de organismo ou de
oficina, senón que se trata dun proxecto, que segue vixente.
As mencionadas accións a
prol do software libre postas en marcha foron medidas illadas e carentes de
coordinación e dunhas liñas estratéxicas que permitisen enmarcalas dentro dunha
política xeral e global de promoción do software libre e garantisen a súa maior
penetración entre a cidadanía, a Administración pública e o tecido empresarial.
Superar esas carencias é
obxectivo das liñas de acción nas que traballa o Goberno galego, que buscará
aumentar o retorno do investimento en software libre da Xunta de Galicia. O
Plan de acción será cooperativo co resto das políticas e programas estratéxicos
da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e transversal a
todos os departamentos da Xunta.
A Fundación para o
Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia
lanzou a contratación dun concurso público aberto co obxectivo de contar co
apoio dunha oficina técnica que lle dea soporte na elaboración das iniciativas
e na execución das actividades de difusión e promoción do software libre. Esta
oficina técnica, tal e como se especifica nos pregos do concurso, prestará
apoio técnico á Fundación na definición e execución das actividades e
iniciativas de software libre, mentres que continuará a ser responsabilidade da
Fundación a coordinación integral do proxecto en todas as súas facetas e a
relación cos axentes implicados: universidade, Asociación de Empresas Galegas
de Software Libre, Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre, etc.
Ademais, dentro da
Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico
de Galicia traballan técnicos encargados especificamente da coordinación e
execución das actuacións relacionadas co software libre, que reciben o apoio do
resto do persoal especializado da propia entidade e coordinados co resto de
iniciativas e proxectos encadrados nas políticas de desenvolvemento da
Sociedade da Información da SXMIT.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














