A Xunta e o Concello de Rianxo forman a 16 mozas e mozos en creación de páxinas web

mércores, 10 de marzo do 2021 S. P.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na mañá deste 10 de marzo o obradoiro de emprego Carnero Valenzuela II en Rianxo, unha iniciativa de formación e de inserción laboral centrada en achegar recursos sobre desenvolvemento e publicación de páxinas web. Este obradoiro conta cunha contribución orzamentaria do Goberno galego de 369.000 euros. Trátase dun taller de emprego dirixido a menores de 30 anos que combina coñecementos teóricos con accións prácticas adaptadas ás demandas das empresas. Na visita estivo acompañado do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.
O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Barbanza estanse a celebrar catro obradoiros: dous ordinarios duais e dous dirixidos a menores de 30 anos. Concretamente, os ordinarios desenvólvense en Outes, compartido con Lousame e Noia; e en Porto do Son compartido con Ribeira; e os de Garantía Xuvenil nos concellos de Ribeira e Rianxo. A Xunta achega máis 1,4 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.
O curso de Serra de Outes forma a 20 alumnos en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, o de Porto de Son a outros 20 desempregados en carpintería e en accións auxiliares en conservación e mellora de móbeis; o de garantía xuvenil en Ribeira forma a 15 alumnos en operacións básicas de cociña; e o de Rianxo a 16 desempregadas e desempregados en confección e publicación de páxinas web.
Interese social e xeral
Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou servizos “de interese xeral e social” que en última instancia redunden na inserción laboral das e dos participantes. “Esta formación”, dixo, “está sendo especialmente útil nestes difíciles momentos porque os alumnos ademais de recibir formación perciben un salario durante os meses que dura o obradoiro”.
En relación co taller de Rianxo, centrado como dixemos na creación de páxinas web, destacou que constitúe un ámbito de gran interese para unha manchea de empresas da contorna e de toda Galicia e que se trata dun sector “que neste momento ten moita demanda”, sobre todo “enfocado á venta e comercialización online ante as novas necesidades xurdidas pola crise sanitaria”.
Por estas e outras razóns, animou aos alumnos a aproveitar ao máximo cada minuto de curso porque “de vós depende que ao rematar á formación sexa máis fácil atopar un emprego”, engadiu.
Carnero Valenzuela II
O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo.

PUBLICIDADE