A Xunta e Red.es colaborarán na modernización tecnolóxica da Administración

xoves, 25 de abril do 2013 Redacción

Imaxe do Consello da Xunta celebrado hoxe

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio entre a AMTEGA e Red.es para o desenvolvemento de iniciativas de Administración electrónica para permitir avanzar na dixitalización dos servizos públicos, co que establécese un investimento de 1.125.000 euros para implantar as infraestruturas tecnolóxicas para o desenvolvemento do Rexistro Electrónico Único e do nodo de interoperabilidade, importe do que o 70% correrá por cargo de Red.es e o resto achegarao a Xunta.
Estas iniciativas están englobadas no Plan de modernización da Administración autonómica e supoñen a consolidación das liñas de actuación que a Xunta vén a desenvolver dende mediados de 2010. Estes proxectos son de vital importancia para que os cidadáns e as empresas poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único trámite ou procedemento, sen ter que remitir repetidamente documentación xa en mans das entidades públicas.
Rexistro Electrónico Único
A posta en marcha do Rexistro Único Electrónico como nova canle de acceso ao rexistro xeral, xunto coa compulsa electrónica, permitirán presentar de xeito telemático solicitudes e información complementaria, aforrando tempo, custos de desprazamento e diminuíndo o uso do papel. O acordo permitirá contar cos medios necesarios para a automatización das oficinas de rexistro actuais, garantindo a interconexión de todas elas e posibilitando o acceso por medios electrónicos dos asentos rexistrais, das copias electrónicas das solicitudes e escritos que se presenten, así como da documentación complementaria. Deste xeito, o Rexistro Electrónico permitirá a recepción e emisión por vía electrónica da documentación que os cidadáns presentan agora nos diferentes rexistros da Xunta e dos concellos.
Nodo de interoperabilidade
O nodo de interoperabildade complementará esta actuación, xa que esta plataforma permitirá o intercambio de información entre as administracións autonómica, local, provincial e estatal evitando que cidadáns e empresas teñan que achegar documentación que xa está dispoñible na Administración. Para acadar este obxectivo será fundamental o centro de proceso de datos integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións desde a que se xestionará toda a documentación que xera a Administración autonómica e que prestará servizo a concellos, deputacións e universidades.

PUBLICIDADE