A Xunta e Protégeles colaborarán na protección dos menores no uso das TIC

xoves, 27 de marzo do 2014 Redacción

A Xunta de Galicia e o Centro de Seguridade na Internet Protégeles veñen de subscribir a súa colaboración para a protección dos menores no emprego das TIC, unha das liñas prioritarias de actuación do departamento autonómico para dar resposta aos retos que estas ferramentas supoñen tanto no eido educativo como na vida cotiá, e na que xa se están a desenvolver actuacións a través da formación do profesorado e de programas como Navega con rumbo.
Para ampliar as accións neste ámbito, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a directora da AMTEGA, Mar Pereira; e Guillermo Cánovas Gaillemín, en representación de Protégeles; asinaron hoxe un protocolo para colaborar no desenvolvemento e promoción en Galicia das diferentes actividades que a entidade organice no seu papel de Centro de Seguridade do menor en Internet, tanto dirixidas ao alumnado e familias como ao profesorado.
Así mesmo a Consellería e a AMTEGA participará nos actos do Safer internet Day; e integrarán as reunións do Comité de expertos de protección do menor no uso das TIC, conformado por representantes de distintos Ministerios, Forzas e Corpos de Seguridade, Confederacións de asociacións de pais e nais de alumnos, sindicatos de profesores, Organizacións de Protección da Infancia e os representantes da industria da Internet, a telefonía móbil e o lecer dixital.

PUBLICIDADE