A Xunta dixitalizará os fondos bibliográficos e documentais da Fundación Penzol
martes, 21 de agosto do 2012
O conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, en calidade de
Presidente do Padroado da Fundación Cidade da Cultura, vén
de asinar un convenio de colaboración co presidente da Fundación Penzol, Alfonso
Zulueta de Haz, mediante o cal levarán a cabo a dixitalización dos fondos
bibliográficos e documentais desta última entidade, para a súa conservación e
difusión a toda a cidadanía.
Entre os fondos da Fundación
Penzol atópanse documentos relativos á obra de Alfonso Daniel Rodríguez
Castelao, ao clero regular, documentos de carácter notarial así como outros
procedentes de diversas asociacións, o que, en palabras dos asinantes, “contribúe ao valor singular do arquivo desta
entidade”.
A través da Cidade da Cultura, a Consellería
realizará o labor de conservación e difusión dos documentos da Fundación
Penzol, para o que fará falta investir uns 35.000 euros en traballos de
dixitalización.
Ámbalas dúas entidades manifestan
así a súa vontade de promover accións dirixidas a recuperar, conservar,
facilitar o acceso e estudo, e difundir á sociedade o patrimonio documental e
bibliográfico da Fundación Penzol, mediante a súa dixitalización e creación de
metadatos que faciliten a consulta posterior deste tesouro bibliográfico único
e singular do patrimonio galego.
O resultado do proceso de
dixitalización dos fondos da Fundación Penzol serán entregados á Fundación
Cidade da Cultura para a súa utilización no Arquivo e na Biblioteca de Galicia,
así como na propia Fundación. Deste xeito coidan que “os documentos terán unha maior utilización e difusión pública, de xeito
que permita a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da información”,
afirman.
A primeira iniciativa que recolle
este convenio ten que ver coa reorganización e a dixitalización do pequeno
fondo documental Alfonso Daniel Rodríguez
Castelao, formado por abondosa documentación de contido político no período
que segue á derrota das forzas republicanas na Guerra Civil. Entre os
documentos a dixitalizar atópase correspondencia e informes con membros
destacados do exilio con varias minutas e borradores de contestacións do propio
Castelao.