A Xunta desminte que ofrecera o proxecto de creación da Factoría do Software a empresa algunha

venres, 17 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O proxecto da Xunta de creación da Fábrica do Software no Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña está a crear certa polémica entre o Goberno galego e a oposición. Sobre todo no que se refire á suposta adxudicación á empresa Soluziona da súa posta en marcha, feito que o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan José Gómez Romero, vén de desmentir na comisión 6ª para responder a unha cuestión sobre os métodos que se van empregar para a entrada en funcionamento da devandita Factoría.
A xuízo do director xeral, non hai ningún proxecto de adxudicación de desenvolvemento ou posta en marcha a Soluziona. “O que si que hai”, manifestou, “é un ofrecemento de valor engadido (coñecemento) por parte da devandita empresa á Xunta e sen contraprestación nin intercambio económico, ofrecéndose voluntariamente a Galicia un valor de futuro e sen que se esixa ningún tipo de compromiso explícito”.
Gómez Romero tamén puntualizou que esta actuación apareceu reflectida nun documento público a disposición dos cidadáns. Cómpre dicir que Soluziona foi vendida recentemente a Indra por Unión Fenosa, logo de que se anunciase a creación da Fábrica do Software da Coruña, proxecto no que precisamente participa de Soluziona.
A venda da empresa xerou certas dúbidas na comunidade internauta sobre o futuro desta iniciativa (seguirá interesando a Indra? E ó Goberno galego?), que crearía 355 novos postos de traballo.

PUBLICIDADE