A Xunta de Galicia estrea un directorio cos seus espazos na web

luns, 26 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Para facilitar aos usuarios a localización de todas as páxinas web oficiais e espazos en redes sociais da Administración autonómica, a páxina web da Xunta vén de habilitar un apartado chamado Portais A..Z no que figura unha listaxe en orde alfabética dos 226 sitios web e as 97 contas en redes servizos como Facebook, Twitter, Flickr, YouTube ou Vimeo que teñen os distintos departamentos da Xunta.
Cada un dos elementos desta nova lista aparece co seu nome completo, a área temática á que lle corresponda (administración pública; ciencia e tecnoloxía; cultura, ocio e deporte; economía, empresa e emprego; ensino e formación; medio ambiente; saúde, asistencia sanitaria e servizos sociais e territorio, vivenda e transporte) e o órgano galego ao que pertence, así como unha ligazón para facilitar a súa visita.
No lateral dereito deste directorio de páxinas web figura un buscador que facilita a localización dos distintos espazos web, permitindo tamén o filtrado das buscas por temática, departamento ou tipoloxía.

PUBLICIDADE