Factura electrónica

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A Xunta convoca axudas para a TDT SAT

martes 8 de xuño do 2010, por Redacción | | Compartir | |

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para que os colectivos en risco de exclusión social que carezan de cobertura de sinal dixital terrestre, por residiren nunha zona de sombra, poidan acceder á TDT a través do satélite. Os cidadáns que resulten beneficiarios destas axudas recibirán o equipamento de recepción preciso para ver a TDT satelital.
A Secretaría Xeral de Medios pon en marcha esta campaña de axudas consciente de que nas zonas onde a TDT non conta coa cobertura suficiente, a adaptación do sinal pode ser máis custosa para aquelas persoas que non contan cos recursos económicos suficientes ou se atopan en risco de exclusión social. Por iso, a Xunta considera necesario incrementar os esforzos dirixidos a evitar que os colectivos máis febles teñan que asumir custos excesivos derivados deste proceso tecnolóxico.
O equipo técnico que se instalará nos fogares dos beneficiarios destas axudas estará composto por unha antena parabólica, LNB, cable, conversor, conectores, soporte e un equipo de recepción capaz de decodificar o sinal e universalizar o novo servizo de televisión.
Poderán acceder a estas axudas as persoas maiores de 65 anos cunha dependencia recoñecida de grao II ou III. Aquelas cun grao de discapacidade auditiva ou visual do 33 por cento ou superior. E, por último, os maiores de 80 anos que vivan sos ou na compaña doutra persoa maior de 80 anos. Han de ter o seu domicilio en Galicia e non ter sido beneficiario doutro programa de contido e finalidade parecida de calquera entidade pública ou privada.
Os interesados deberán presentar unha solicitude dirixida á Secretaría Xeral de Medios, coa documentación que se require, no Rexistro Único da Xunta de Galicia. O prazo remata o vindeiro 31 de xullo de 2010. A Xunta, en colaboración cos concellos, informará a aquelas persoas que, por residir en zona de sombra e por reunir os requisitos, poidan beneficiarse desta axuda en especie.
Antes de proceder á entrega do equipo, os órganos competentes da Secretaría Xeral de Medios poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento dos requisitos, as circunstancias do beneficiario e das condicións establecidas para a concesión.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS