A Xunta contratará novos contidos para fortalecer a plataforma do libro dixital
venres, 28 de xullo do 2017
Hoxe o
Goberno galego informou da vindeira contratación de novos contidos
educativos para reforzar a plataforma do libro dixital, “da que
disporán 154 centros e máis de 11.600 alumnos o vindeiro curso”.
Así o deu a coñecer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
que engadiu que mediante o novo contrato, dotado con até 2,7
millóns de euros ata 2020, incorporaranse mediante un concurso
público un terceiro provedor de contidos dixitais para as materias
que se imparten entre 5º de Primaria e 2º de ESO e un cuarto para
as materias de inglés destes niveis educativos. “Estes contidos
sumaranse aos que xa subministra a empresa tecnolóxica Netex e a
editorial Edebé”, informou.
Ao mesmo tempo, Feijóo dixo que ao abeiro deste
acordo, crearase un espazo para que os profesores poidan elaborar os
seus propios contidos educativos dixitais, para o que as empresas TIC
e audiovisuais porán as ferramentas necesarias. Ademais, porase en
marcha un plan de formación nos centros sobre todo as iniciativas
que acompañan á implantación do libro dixital para os docentes. O
obxectivo do Goberno galego, engadiu, é crear “unha rede de
contidos de alto valor pedagóxico” en cuxa elaboración participen
os docentes.
O presidente subliñou ademais que, “para que o
acceso ao libro dixital sexa efectivo”, nos vindeiros dous anos
adquiriranse 22.000 ordenadores portátiles, “dos que se poderán
beneficiar os alumnos e docentes dos centros que conten co servizo”.
Este acordo contempla un servizo de soporte premium 24 horas
os sete días da semana en liña e telefónico.