A Xunta completou en 2012 a implantación de Lexnet en todos os órganos xudiciais da comunidade

luns, 14 de xaneiro do 2013 Redacción

O pasado ano realizáronse en Galicia un total de 2.551.458 notificacións telemáticas a través da aplicación Lexnet, unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que permite as notificacións de xeito telemático, a presentación de escritos e demandas utilizando a sinatura dixital.
A aplicación facilita o intercambio da documentación xudicial en soporte electrónico a través da identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais, ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta, os custes, evitando desprazamentos e contribuíndo á eliminación da notificación en papel.
A aplicación Lexnet xa está operativa en todos os órganos xudiciais da Comunidade, tras rematarse a súa implantación na provincia de Ourense este ano. Durante 2012 a provincia da Coruña, a primeira en completar a implantación deste sistema, rexistrou preto de 1,5 millóns de notificacións telemáticas, seguida de Pontevedra con máis de 800.000 notificacións, Lugo con 177.000 e Ourense, a última provincia na que se implantou, con 65.000 notificacións rexistradas desde o pasado mes de xullo.

Beneficios

A implantación de Lexnet está a permitir unha redución das operacións de envío de notificacións, escritos ou copias de escritos así como dos desprazamentos. Ademais, Lexnet garante a máxima fiabilidade na comunicación, ao facilitar aos usuarios un certificado do momento do envío don selado de data e tempo e ofrece todas as garantías de seguridade ao tratarse de redes pechadas con control de acceso e identificación de usuarios.

Funcionamento

O acceso a Lexnet realízase mediante un certificado dixital que permite a autentificación do usuario. O soporte físico do certificado dixital é unha tarxeta criptográfica Kronos que está a implantar a Xunta para a acreditación dixital dos empregados públicos. Ao introducir a tarxeta no PC o empregado accede a Lexnet identificándose como usuario autorizado do sistema e pode proceder ao proceso do envío que asinará dixitalmente.
O sistema Lexnet ten un funcionamento similar ao correo electrónico pero garante que o emisor da documentación é quen di ser; a confidencialidade e seguridade do sistema xa que só o receptor da documentación poder acceder á información e a integridade do contido do documento que non pode ser modificado durante o proceso.

Formación

O proceso de implantación de Lexnet estivo acompañado de actividades formativas dirixidas ao corpo de funcionarios de xestión procesual, procuradores, avogados do Estado e da Axencia Tributaria. A formación realizouse nos xulgados no propio posto de usuario co obxectivo de que fóra máis funcional e operativa posible.

PUBLICIDADE