A Xunta colaborará na inserción laboral das persoas discapacitadas a través das TIC

mércores, 14 de outubro do 2009 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, vén de recibir ao presidente da Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia, Gerardo Crespo, con quen decidiu colaborar co obxectivo de facer que as novas tecnoloxías faciliten a inserción laboral das persoas que sofren algún tipo de discapacidade no noso páis.
Pereira destacou a necesidade de adaptar os postos de traballo deste colectivo para axeitalos ás novas demandas, e para o que a tecnoloxía é unha ferramenta fundamental e imprescindible.
“Apoio total da Xunta a este colectivo” foron as verbas máis destacables da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quen salientou a proposta da asociación de realizar un estudo para coñecer a situación actual do uso destas ferramentas nas empresas galegas e identificar as posibles necesidades para poder poñer en marcha estratexias de actuación. “Partimos sempre da premisa de que as novas tecnoloxías non poden ser un elemento que dificulte esta inserción, senón todo o contrario”, afirmou a secretaria xeral.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios Discapacitados do noso país, Gerardo Crespo, destacou a importancia de empregar as novas tecnoloxías para favorecer a inserción laboral do colectivo de persoas con discapacidade, algo que, segundo afirmou, “xa se está a facer noutros países”.
Vemos a tecnoloxía como unha ferramenta moi positiva para a inclusión”, apuntou Crespo, “e pretendemos que non sirva para facer unha fenda, que non provoque diferencias entre uns e outros senón que sirva para incluírnos a todos”, asegurou.

PUBLICIDADE