A Xunta axiliza a implantación do Expediente Xudicial Electrónico

xoves, 6 de agosto do 2015 Redacción

O Plan Senda 2020 establece as medidas para que a Administración de Xustiza en Galicia poida afrontar os retos derivados da implantación do novo modelo organizativo xudicial e do expediente xudicial electrónico. O II Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, aprobado hoxe no Consello da Xunta, busca acadar unha xustiza máis próxima e transparente, máis eficiente grazas á xestión electrónica e segura.
Un dos obxectivos estratéxicos do plan é a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico (EXE). Xa neste ano poranse en marcha tres pezas chave do EXE, a sede xudicial electrónica, o visor do expediente xudicial e o sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción.
O plan está elaborado pola AMTEGA, en coordinación coa Vicepresidencia da Xunta, e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020. Conta cun investimento previsto de 26,6 millóns de euros para os próximos cinco anos, que se suman aos máis de 23 investidos desde 2009 no primeiro Plan Senda. Os avances conseguidos nestes anos permiten abordar as medidas previstas nos catro eixos que determina o novo plan.

Unha xustiza centrada nas persoas, nos cidadáns e nos profesionais

A finais de ano porase en marcha a sede xudicial electrónica, que nunha primeira fase permitirá a presentación de procedementos monitorios. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos dixitais do ámbito xudicial: a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, taboleiro de edictos, notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais en que se é parte.
O acceso á sede estará dispoñible no portal eXustiza, que ampliará os seus servizos e contidos para converterse na porta de acceso de cidadáns e profesionais á Administración de Xustiza en Galicia. O plan impulsará, ademais, novos modelos de comunicación e acceso á información, reforzando os medios tecnolóxicos das oficinas de atención aos cidadáns e ás vítimas.
Os máis de 3.300 empregados da Administración da Xustiza son os outros destinatarios do plan, que prevé a creación do posto de traballo dixital, cun conxunto de solucións adaptadas a cada perfil que permitan o acceso seguro á información en calquera momento, incluso fóra da rede corporativa e a través do uso de solucións en mobilidade. Ademais, Lexnet consolidarase como a canle de comunicación entre todos os profesionais do eido xudicial.

Xestión eficiente da actividade xudicial

Un dos obxectivos estratéxicos do Plan Senda 2020 é lograr a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico (EXE), que permitirá a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos, nun marco de interoperabilidade con outras entidades do ámbito xudicial.
Este ano poranse en marcha tres pezas chave do EXE, a sede xudicial Electrónica, o visor do expediente xudicial electrónico e o sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción. O visor permitirá a consulta dos expedientes dende dispositivos electrónicos e en función dos usuarios e das súas competencias.
O sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción permitirá a localización de calquera expediente en papel en calquera sede xudicial, así como a identificación e xestión dos bens incautados nun procedemento xudicial, facilitando aos cidadáns os servizos para que poidan identificar estes bens e tramitar a súa devolución.
O Plan Senda 2020 recolle tamén a evolución dos sistemas de xestión da actividade xudicial (sistemas para a xestión procesual, fiscalía, Imelga, asistencia xurídica gratuíta) para adaptar as súas funcionalidades ao novo contexto dixital.

Infraestrutura tecnolóxica e medios TIC

A implantación do expediente xudicial electrónico require da dotación das infraestruturas tecnolóxicas adecuadas.
As primeiras medidas que se adoptarán neste ámbito son, por tanto, a dotación de medios para adecuación das salas de vista e oficinas xudiciais ao uso do expediente xudicial electrónico. En 2020 o 100% das salas de vistas contarán co equipamento necesario para acceder ao expediente xudicial electrónico.
Así mesmo, investirase na universalización da videoconferencia como medio para mellorar as comunicación e eliminar a totalidade de desprazamentos innecesarios dos distintos axentes que participan nun procedemento xudicial.
Ademais, completarse o proceso de centralización da información xudicial e das solucións da administración de Xustiza no Centro de Datos Integral (CPDI) de Galicia que comezou durante o plan Senda 2014, o que reporta importantes vantaxes de seguridade, dispoñibilidade dos servizos, eficiencia enerxética, escalabilidade e flexibilidade.

PUBLICIDADE