A Xunta aprobou hoxe o Plan Director de Banda Larga 2010-2013

xoves, 18 de febreiro do 2010 Raquel Noya

O Consello da Xunta de Galicia, reunido hoxe en San Caetano para, entre outras cousas, tratar de posibilitar o acceso á Rede de toda a sociedade galega e situar a nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, vén de aprobar o Plan Director de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará estes e outros obxectivos nun prazo máximo de catro anos.
Este Plan, que forma parte dunha estratexia global do Goberno galego destinada a situar a Galicia no núcleo avanzado da sociedade da información, constitúe o marco estratéxico de actuación destinado a que a práctica totalidade dos cidadáns e empresas galegas teñan acceso de calidade á banda larga.
Para isto cóntase cun orzamento de 102 millóns de euros, que poderían ascender a máis de 232 se as autoridades mobilizan capital privado e doutras administracións para lograr un obxectivo comun: estender as novas tecnoloxías e as infraestruturas de telecomunicacións de banda larga en todo o país.
Trátase dun plan transversal que, segundo veñen de informar dende o Executivo, contou coa colaboración de todas as consellerías da Xunta, dos concellos galegos, das deputacións provinciais e dos organismos ou entidades públicas de eido local ou provincial, así como dos distintos operadores de telecomunicacións.
Ademais de dotar de redes fixas de alta capacidade (baseadas en fibra óptica) a aqueles núcleos de poboación con maior demanda desatendida e que aínda non contan con acceso a servizos de banda larga de calidade, a Xunta potenciará o actual operador público Retegal, dotándoo de máis medios e capacidades para optimizar e acelerar a estensión da banda larga.
Asemade, o Plan permitirá aproveitar a infraestrutura pública actual e reducir os custes de despregamento; favorecer a presenza dos operadores privados en todo o país; estender a cobertura de banda larga aos núcleos de poboación rural; impulsar o despregamento de infraestrutura de nova xeración (capaz de ofrecer velocidades de conexión de ata 100 Mbps); promover o aproveitamento das novas tecnoloxías no sector empresarial; modernizar a Administración pública e local e incentivar a demanda deste tipo de tecnoloxía, entre outras cousas.
Porén o máis importante desta iniciativa aprobada hoxe no Consello da Xunta, será a prestación dun servizo de banda larga de calidade para toda a cidadanía, con velocidades de acceso, segundo afirman, superiores a 2Mbps, podendo chegar a 100Mbps no caso de redes de nova xeración”.

Feijoo presentou o novo Plan tras o Consello da Xunta

A Xunta tamén porá a disposición dos concellos unha oficina técnica de asesoramento e soporte sobre todas as iniciativas que se desenvolven en materia de redes de telecomunicacións e manterá actualizado o Mapa de Infraestruturas, o que permitirá dispor de documentación ampla e fiable que facilite a toma de decisións.
Como resultado de todas estas actuacións preténdese que en 2013 “o 94 por cento da poboación galega conte coa posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade, e que a porcentaxe sexa do 100 por cen nos núcleos de máis de 100 habitantes”. Asemade, o Plan cubrirá a demanda do 6 por cento restante a través de servizos de acceso vía satélite, deste xeito, segundo informan, “a curto prazo perséguese que xa en 2011 se reduza en máis do 50 por cento a fenda dixital existente entre as provincias da Coruña e Pontevedra con Lugo e Ourense”.
Outro obxectivo para 2013 é que o 100 por cento dos núcleos con demanda por parte da Administración pública e o 96 por cento das empresas dispoñan de acceso a banda larga de calidade, “coa meta a curto prazo de que en 2011 se cubra a totalidade dos polígonos industriais e dos parques empresariais galegos”.

PUBLICIDADE