A Xunta aproba a creación da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia

xoves, 21 de xullo do 2011 Redacción

O Consello da Xunta que tivo lugar esta mañá aprobou o Plan de posta en marcha da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) co obxectivo de consolidar un modelo de xestión integrado das TIC na Administración autonómica. A creación da Axencia permitirá unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os servizos tecnolóxicos dos distintos departamentos da Xunta baixo unha mesma dirección.
Un total de 558 profesionais da escala de tecnoloxías da información que desempeñan as súas funcións nos distintos departamentos da Xunta traballarán nun proxecto tecnolóxico único baixo a dirección da Axencia, que tamén xestionará o orzamento global tecnolóxico da Administración galega.

A creación da AMTEGA aprobouse está mañá no Consello da Xunta

A estrutura organizativa da área tecnolóxica da Administración autonómica quedará notablemente reorganizada e simplificada. Suporá ademais unha reestruturación organizativa e unha consolidación das infraestruturas que xerará un aforro de espazo que poderá acadar ata un 40%. Isto eliminará dispersión actual do persoal TIC situado en 86 localizacións distintas.
Un dos eixos centrais da política tecnolóxica da Xunta é a eficiencia na xestión dos fondos públicos e a Axencia é unha fórmula efectiva para consolidar este obxectivo. Deste xeito nun prazo de tres anos prevese unha redución de entre un 25 e un 30% nos custos de mantemento, adquisición de sistemas e infraestruturas tecnolóxicas. Ademais, a Axencia xerará unha redución de gasto en estrutura de persoal de ata un 23% ao final da lexislatura.
A reorganización organizativa que leva consigo a Axencia permitirá reducir en arredor do 50% os custos en coordinación de proxectos.
A todas estas reducións de custo TIC engádense ás que proporcionará a posta en marcha pola futura Axencia do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), que integrará as funcións dos máis de 80 CPD existentes ata o de agora. O CPDI conseguirá un aforro de máis do 50% do custo enerxético por metro cadrado coa nova plataforma tecnolóxica e a redución do 27% do gasto anual da factura dos CPD actuais. Producirase a redución dun 30% en investimento de hardware e dun 30% no mantemento.

Proceso de consolidación en tres fases

O proceso de consolidación dos servizos tecnolóxicos levarase a cabo de xeito gradual en tres fases. A primeira comeza coa constitución da Axencia, incorporando os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xunto co persoal TIC da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Esta primeira fase completarase a finais do 2011 e contará co 46,4% do orzamento global TIC e o 13,3% do persoal da área tecnolóxica da Administración.
Na segunda fase integraranse os departamentos TIC de 7 consellerías: Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar. Este proceso rematará a finais de 2012 co 67% do orzamento TIC total e o 50,3% do persoal TIC integrado na Axencia.
A terceira e ultima fase será a integración do resto de organismos e departamentos TIC a partir de 2013.

PUBLICIDADE