A Xunta apoiará económicamente o Máster en Consultoría de Software libre

venres, 16 de xullo do 2010 Raquel Noya

Cunha achega de 30.000 para o seu financiamento, a Xunta de Galicia, a través da subdirección xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, vaille axudar á Universidade de Vigo a consolidar o uso de estándares abertos, como un modelo interesante e válido tanto para as empresas como para as administracións públicas, financiando o seu Máster en Consultoría de Software libre posto en marcha pola ES de Enxeñaría Informática.
Este Máster, que en setembro comeza a súa terceira edición, ofrécelle aos titulados a especialización necesaria para traballar no desenvolvemento de proxectos dentro das áreas das tecnoloxías da sociedade da información e o coñecemento mediante o emprego de aplicacións abertas.
O mestrado, que precisa formación específica, recibe así un pulo importante xa que contará co apoio expreso do goberno galego para formar profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas nos ámbitos das TIC aplicando métodos, técnicas e ferramentas baseados no software libre.
Xa que logo, nos próximos anos vanse precisar profesionais con amplas competencias na aplicación do software libre ás necesidades empresariais, unhas competencias que van dende a consultoría de negocio e tecnolóxica ata o desenvolvemento de solucións ou a migración de datos, pasando pola interoperabilidade con sistemas propietarios ou a implantación de sistemas de seguridade e protección de datos. O Máster en Consultoría de Software libre, que tratará de cubrir as devanditas áreas, comprende catro módulos (Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software Libre; Ferramentas de Software Libre para Intelixencia de Negocio; Administración e Dirección das TIC; Seguridade e Lexislación en contornas de software libre) e ten unha carga lectiva de 60 créditos ECTS.
A súa duración será dun ano e, polas súas características, está pensado para que poida ser cursado tamén por profesionais xa incorporados á vida laboral.

PUBLICIDADE