A Xunta apoiará economicamente á candidatura para obter o dominio .gal

xoves, 8 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Imaxe do Consello da Xunta celebrado hoxe

O Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe ratificou a achega de 213.000 euros á Asociación PuntoGal, a entidade encargada de promover a candidatura, para financiar os custos da obtención do dominio .gal na Internet. Este apoio canalízase a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e repartirase en distintas cantidades que irán consignadas á matrícula que esixe a ICANN para poder presentar a candidatura galega, aos avais para garantir a xestión do dominio durante un mínimo de 3 anos e á contratación dun servizo de apoio de carácter administrativo, así como a participación da Asociación PuntoGal nas actividades que ICANN e outras entidades relacionadas co regulamento da Rede realicen durante o presente ano (incluíndo o material informativo e promocional preciso para a participación da Asociación nestes eventos).

A Administración galega confirmou o seu apoio á candidatura do .gal

A Administración galega leva apoiando a iniciativa da Asociación PuntoGal dende 2007 a través de distintos convenios de colaboración, recibindo este organismo un importante apoio social no mesmo período, concretado na adhesión de 109 entidades (entre as que figuran institucións culturais, educativas e profesionais, e mesmo centros de emigrantes repartidos por todo o mundo) e máis de 12.500 apoios individuais de cidadáns que aspiran a que a lingua e a cultura de Galicia teñan un dominio de primeiro nivel na Internet que facilite a translación da nosa identidade á Rede.

PUBLICIDADE