A Xunta afonda na súa aposta pola I+D e duplica os orzamentos

martes, 19 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

O novo plan de I+D da Xunta inclúe un orzamento de 800 millóns de euros

Logotipo e lema especialmente deseñados para a ocasión, DVD de agasallo, esmero na posta en escena, tres consellerías representadas, a presenza do presidente Emilio Pérez Touriño e unha sala que non era (por así dicilo) unha sala de presentacións calquera: a principal do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago). Non era preciso emprestar atención a máis detalles para enxergar o que xa se presentía no aparcamento do devandito recinto de mostras, onde non collía un vehículo máis: a presentación do Plan Galego de I+D+i é unha das grandes apostas do Goberno autonómico e así se fixo saber ó público presente, integrado sobre todo por investigadores, membros da política, empresarios, profesores e profesionais da comunicación. Unha aposta que (isto tamén quedou claro abondo) se sustenta e se equilibra sobre dous piares fundamentais: as persoas e a innovación. Este vai ser polo tanto o vehículo ó que teremos que subir co fin de entrármonos (todos e todas) nunha autoestrada, a da información no mundo, na que hai vehículos máis potentes e veloces cós que podamos achegar os galegos, pero nunca se sabe...
Para comezar, o Plan Galego de I+D+i parte da liña de saída (e até 2010) cun orzamento de 800 millóns de euros -o que significa o dobre da achega anterior nesta materia- que vai orientado a conseguir unha contribución á Investigación e o Desenvolvemento do 1,5% do Produto Interior Bruto de Galiza (antes de que remate a década). Con este novo Plan 2006-2010, as Consellerías de Innovación, Economía e Educación queren marcar distancias con todo o que se fixo antes en materia de apoio e fomento da investigación. Para comezar, ten nome propio e diferenciado: IN.CI.TE., termo que sería un resumo dos que constituirían, xunto coas propias persoas, os tres grandes ingredientes deste proxecto: Innovación, Ciencia e Tecnoloxía.
O Plan ten intricadas ramificacións. É dicir: non é só materia de interese para núcleos sociais pechados, nin se limita a darlle un pulo ó sector científico e tecnolóxico nos eidos público e privado. As súas finalidades semellan tocar de preto a tódolos galegos: impulsar o crecemento económico e social de Galiza mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica, facilitar a participación das empresas no proceso de innovación e achegar os beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega.
O acto de “posta en longo” contou coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e dos representantes dos tres departamentos que están a pór as pedras do plan: Fernando Blanco, conselleiro de Innovación, José Ramón Fernández, conselleiro de Economía e Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación. Amais, na sala principal do Pazo de Congresos estaban representados centros de investigación galegos e españois, universidades e empresas do sector tecnolóxico. Esta certa mestura de procedencias e opinións non foi casual. De feito, un dos principais obxectivos do Plan é (precisamente) mobilizar baixo unha mesma loita (a de levar a Galiza directamente ó sitio onde se toman as decisións na sociedade moderna e tecnolóxica) diferentes frontes. En palabras de Touriño, o que se pretende é crear un “marco coordinado para os esforzos”. Deste xeito, tamén se buscaría unha meirande participación do sector privado na consecución dos obxectivos, co fin de que no futuro (o ideal sería antes de 2010) haxa incluso unha manobra de reaxuste de responsabilidades. Dito doutra maneira e para que se entenda mellor: malia que actualmente en Galiza unha boa parte da aposta pola I+D provén da propia Xunta e os seus diferentes departamentos e centros científicos, sería un síntoma de boa saúde que fosen as empresas as que paseniño asumisen un meirande peso neste compromiso a prol do dito binomio, até (se é posible) darlle a volta á situación.
Polo que respecta ó valor humano no que fai fincapé o Plan, cómpre salientar que neste senso o obxectivo é “gañarlle a batalla á desprecarización da carreira científica”, segundo dixo Touriño, e seguiu: “ó prever a incorporación de novos investigadores e superar a barreira dos 10.000 ó remate do Plan”. Amais, favorecerase a incorporación de investigadores ó sector empresarial (reforzando as ligazóns e o intercambio de experiencias entre as universidades e as empresas), crearanse novos centros e parques tecnolóxicos e científicos, fomentarase a cultura do coñecemento na sociedade e promoverase a posta en valor das capacidades e resultados da investigación pública. Asemade, entre outras moitas iniciativas concretas, o Plan tamén inclúe medidas para mellorar a presenza da ciencia e a tecnoloxía galegas na esfera estatal e internacional.

PUBLICIDADE