A Xunta adxudica a Movistar e R a extensión da banda larga nas zona galegas sen cobertura

xoves, 16 de setembro do 2010 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe a adxudicación de dúas das actuacións máis importantes previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013, que ten como obxectivo proporcionar acceso á Internet de calidade a todos os galegos.
Tras revisar as solicitudes presentadas polos operadores que optaron, en réxime de concorrencia competitiva, ás subvencións previstas en dúas ordes de axuda publicadas no DOG o pasado 28 de maio, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica resolveu adxudicar a Movistar a extensión de redes fixas para garantirlles o acceso á banda larga a núcleos rurais de máis de 100 habitantes sen cobertura, á maior parte dos centros da Administración pública sen conexión e aos polígonos industriais.
Pola súa banda, R resultou adxudicataria da extensión de redes de nova xeración (NGA), as máis punteiras infraestruturas de telecomunicación capaces de garantir velocidades de conexión de 100 Mbps. Estas redes, ademais de ofrecer as prestacións máis avanzadas aos usuarios, serán a base de novos servizos máis innovadores e diferenciais e que se converterán en elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e para a xeración de emprego en Galicia.
A Xunta achega un total de 33 millóns de euros para estas actuacións, que xerarán um investimento global de máis de 150 millóns de euros. Deste xeito, a Administración autonómica promove a competencia entre operadores privados para que redunde nunha mellora da calidade dos servizos e das tarifas para os usuarios.

Redes de alta capacidade da man de Movistar

Cun investimento de 22,4 millóns de euros dos que a Xunta subvenciona 5,2 millóns, Movistar estenderá redes de transporte de alta capacidade en 316 núcleos de poboación rural de menos de 100 habitantes que actualmente non contan con acceso á banda larga. Desta acción beneficiaranse preto de 60.000 persoas, 15.800 xa neste ano. Ademais, o aumento destas infraestruturas daralle acceso á banda larga de calidade a aqueles centros de saúde, centros educativos, farmacias, xulgados e resto de organismos e entidades públicas que carecían de conectividade de calidade á banda larga nestas núcleos do rural. Será tamén o caso dos polígonos industriais, aos cales se prevé dar acceso á rede en 2011 en toda a súa totalidade.
En canto ao servizo mínimo de acceso á banda larga que debía ser ofertado polo operador, na convocatoria publicada no DOG establécese unha velocidade mínima de 2 Mbps de baixada e 512 Kbps de suba cun 50% do caudal garantido. Movistar comprométese a consolidar a finais deste ano 2010 a velocidade de 10 Mbps de baixada como oferta de referencia sen variacións nas tarifas, desenvolvendo ademais unha oferta a prezo máis reducido naqueles puntos onde non sexa posible ofertar os 10Mbp.
O operador ofrecerá aos usuarios servizos para o desenvolvemento da domótica, teleasistencia, así como accesibilidade a contidos multimedia nas pantallas de móbil, PC e TV, e outros servizos de entretemento.

Redes de Nova Xeración estendidas por R

A empresa R fará posible o acceso ao servizo de tecnoloxías de nova xeración (NGA) a máis de 530.000 habitantes, sen contar á poboación das sete grandes cidades á cal se chegará tamén a través do PBL sumando en total máis dun millóns de persoas con acceso a estas redes. A solución ofertada polo operador galego dará un servizo mínimo esixido de 100 Mbps de velocidade de baixada e 5Mbps de suba e cunha garantía de caudal garantido do 80%. Xa en 2010 máis de 40.000 poderán dispoñer de servizos NGA. O investimento total previsto para a extensión das redes de nova xeración é de 129,6 millóns de euros, dos cales 28 corresponden á subvención outorgada pola Xunta.
Ademais das vantaxes que ofrecen estas liñas en canto a velocidades e posibilidades de desenvolvemento, R achega na súa oferta un importante paquete de servizos adicionais aos usuarios como a televisión de alta definición e televisión en 3D, nun futuro. Tamén dotará as vivendas dunha rede de monitorización do consumo de enerxía en tempo real, facilitará un servizo de alertas do 112 a través do televisor así como unha TDT interactiva para que os cidadáns coñezan a través da televisión as novas do seu concello.
Outros servizos adicionais serán o desenvolvemento dunha rede Wi-Fi que permita dispoñer de acceso á internet nas zonas públicas dos núcleos aos cales se dará cobertura ou un servizo de teleasistencia interactivo que lles permitirá aos usuarios interactuar en liña cos centros a través do monitor da televisión.
Na súa oferta R comprométese a ofrecer en 2012 unha velocidade de 200Mbps, en 2015 de 600 Mbps e de 1000 Mbps en 2019. En canto á evolución da velocidade durante os vindeiros anos, R manterá o servizo de 100 Mbps ata 2013, momento no que, por defecto e sen custo adicional, aumentará a velocidade a todos os seus usuarios do mesmo ata os 150 Mbps. En 2015, e tamén se custo adicional, aumentarase a velocidade ata os 150Mbps; en 2019 ata os 400 e en 2021 ata os 600 Mbps, acadando unha velocidade de suba de 30 Mbps.


Núñez Feijoo anunciando a adxudicación das melloras da banda larga en Galicia

PUBLICIDADE