A Xunta activa a web das Eleccións ao Parlamento de Galicia

venres, 9 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

O vindeiro día 1 de marzo, todos os galegos maiores de 18 anos teremos a oportunidade de exercer o noso dereito a voto para elexir aos representantes do parlamento galego que nos gobernarán nos vindeiros catro anos.
A fin de ofrecer a meirande información posible sobre este proceso, a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de activar unha páxina web sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia na Rede.
O sitio está dispoñible en galego e castelán e, entre outras cousas, ofrécelle ao elector, datos sobre o proceso electoral, resultados de anos anteriores, calendarios… así como a posibilidade de recibir por SMS os avances de resultados en tempo real.
A web, á que tamén se pode acceder dende unha ligazón directa na páxina oficial da Xunta, conta con varios apartados nos que se organiza a información sobre os distintos aspectos do proceso electoral; de modo que en Información ao elector, por exemplo, pódense atopar datos sobre a acreditación do dereito a voto, os métodos de votación (presencial, por correo, accesible, do electorado temporalmente no estranxeiro, dos inscritos no censo especial de residentes ausentes no estranxeiro, do persoal embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional e dos electores en penitenciarías), as mesas e locais e a posibilidade de recibir os resultados por SMS.
Sobre isto, o cidadán que o desexe poderá solicitar a recepción no seu móbil dos resultados de avances e o reconto provisional mediante o envío de SMS durante a xornada electoral. Poderase pedir a información dun momento preciso do reconto ou mediante unha subscrición na que se darán os datos do reconto en cada fase do mesmo (ao 25%, 50%, 75% e 100%). A mensaxe conterá os porcentaxes de escrutinio e de abstención e o número de cargos obtidos por cada candidatura.

Campaña, candidaturas e calendario

Doutra banda, no apartado sobre Preguntas frecuentes respóndese a dúbidas sobre dereitos e deberes dos electores, inscrición no censo electoral, formación das mesas electorais, votación (en persoa, por correo e dende o estranxeiro) e presentación de candidaturas.
En A votación explícanse os procesos do desenvolvemento desta e do escrutinio; e en Campaña institucional recóllese o marco legal da mesma, con enlaces aos textos das normas que a rexen. En Candidaturas ofrécese información sobre os prazos de presentación das mesmas (neste caso entre o 21 e o 26 de xaneiro) e sobre quen pode facelo, e tamén sobre a campaña electoral.
Na sección Calendario electoral inclúense unha axenda que se actualiza diariamente e que indica en que prazo está o proceso; e dúas máis nos que aparecen subliñadas as datas máis importantes tanto para os candidatos como para os electores. Asemade, permite a descarga en formato PDF dunha táboa con todos estes datos.
En Eleccións anteriores están os resumos dos resultados dos procesos electorais que tiveron lugar entre 1981 e 2005, e Lexislación electoral é un compendio das normas estatais e autonómicas sobre esta materia.
En Administración electoral fálase das xuntas electorais Central, de Galicia, Provincial e de Zona -de todas elas explícase a súa definición, composición, funcións e enderezo-, e en Representantes da Administración se di quen son e como actúan. Por último, inclúese unha sección con enderezos de interese.
Asemade, a páxina conta cunha ligazón á web do Instituto Nacional de Estatística con información referida ao Censo Electoral das eleccións ao Parlamento de Galicia.

PUBLICIDADE