A Xunta achega 690.000 € ás 3 universidades galegas para a transferencia de tecnoloxía ás empresas

xoves, 30 de decembro do 2010 Redacción

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a achega de 690.000 euros ás tres universidades galegas para apoiar o seu traballo de identificación das necesidades tecnolóxicas das empresas e, en función destas, optimizar a transferencia dos seus resultados de investigación ao sector produtivo galego.
Este investimento da Consellería de Economía e Industria concrétase na transferencia de 230.000 euros a cada unha das tres universidades galegas para garantir e mellorar o funcionamento das súas oficinas de transferencia de resultados de investigación (OTRI).
Deste xeito refórzase a aposta do Goberno autonómico polo establecemento de canles eficientes entre as entidades públicas de investigación e a innovación no sector privado, mediante a aplicación dos resultados dos proxectos de I+D realizados polos grupos de investigación universitarios á actividade empresarial.
Os fondos investidos pola Xunta nas OTRI das Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela poderán ser destinados ao financiamento de todo tipo de accións dirixidas á posta en valor dos resultados de investigación dos seus grupos: elaboración e actualización de catálogos e bases de datos de oferta tecnolóxica, asistencia a feiras, organización de encontros universidade-empresa, visitas a empresas, promoción das axudas públicas para investigación cooperativa e por encarga, dinamización de proxectos de I+D internacionais, asesoramento e negociación dos contratos das universidades con empresas e outras entidades, protección dos resultados de investigación, apoio e seguimento de iniciativas empresariais de base tecnolóxica nacidas nas universidades, etc.
No marco da eficacia dos investimentos de fondos públicos aplicados polo modelo de xestión do Goberno galego, as universidades deberán xustificar a adecuada utilización e a rendibilización destes fondos, con base nunha serie de indicadores como o número de contratos con empresas conseguidos, o número de patentes rexistradas e a cantidade de iniciativas emprendedoras postas en marcha a partir de resultados de investigación, entre outros.
O apoio á transferencia de resultados e a posta en valor do coñecemento xerado nas universidades intensificarase a partir da entrada en vigor do novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, tal e como se puxo de manifesto logo da aprobación do i2C no anterior Consello da Xunta. Neste sentido, establécese como unha das prioridades da nova política de I+D+I da Xunta que os axentes do sistema público de investigación conten cos recursos necesarios para impulsar de primeira man a valorización dos seus resultados tomando a iniciativa dunha conexión co sector produtivo baseada en necesidades reais, tarefa en que o papel das OTRI das universidades é fundamental.

PUBLICIDADE