A Xornada Empresas en Rede deixa pegada no empresariado galego

xoves, 24 de febreiro do 2011 Raquel Noya

A pasada semana, Código Cero achegouse ata a o Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) da rede CEMit da Xunta de Galicia para asistir á Xornada Empresas en Rede, un evento organizado pola entidade pública Red.es para promover a implantación de tecnoloxía específica, neste caso, do sector automovilístico do noso país, e dar a coñecer as vantaxes do uso das TIC aplicadas a este tipo de negocios.
Ao acto asistiu, en palabras da organización do evento, “a totalidade dos empresarios do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia”, que puideron comprobar de primeira man, como a implantación da tecnoloxía específica nas súas empresas pode axudar a aforrar tempo e custes na xestións diarias.
De feito, así o demostran os datos extraídos dunha enquisa realizada posteriormente entre tódalas persoas asistentes, das que 8 de cada 10 manifestaron que “incorporarán solucións tecnolóxicas nos seus procesos de xestión”.
A enquisa reflexa, asemade, que os empresarios asistentes saíron satisfeitos da xornada ao asegurar que “a implantación das solucións tecnolóxicas nos seus procesos de xestión diaria aumenta a produtividade, mellora a atención ao cliente e incrementa as vendas”.
Por outra banda, os datos obtidos na enquisa mostran que a maior preocupación das persoas asistentes no tocante aos seus negocios son “a solución das necesidades do cliente, cun 29 por cento, seguido do aumento do número de clientes (cun 17 por cento) e a obtención dunha maior rendabilidade e mellora na administración”.

PUBLICIDADE