A Xunta fai balance dos seus avances na modernización da Xustiza a través das TIC

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Juan José Martín, explican en rolda de prensa as actuacións desenvolvidas para integrar o TIC no ámbito xudicial galego no marco do Plan Senda 2014.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicaron hoxe en rolda de prensa que o Goberno galego destinou máis de 4,8 millóns de euros entre 2009 e 2010 á modernizar a Xustiza desenvolvendo unha serie de actuacións orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable que permita avanzar na integración das novas tecnoloxías no eido xudicial. Estas medidas enmárcanse no Plan Senda 2014 que establece a folla de ruta para implantar de xeito efectivo as TIC na Xustiza e que conta cun orzamento de 34 millóns de euros.
Para acadar unha verdadeira modernización da xustiza a Xunta deu en 2009 un paso previo ao Plan Senda que foi a posta en marcha do Plan TIC de Medidas Urxentes para paliar os problemas estruturais de base. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza iniciou un proceso de adecuación, renovación e mantemento das infraestruturas e equipamento tecnolóxico para dotar á xustiza e aos seus profesionais dos medios e equipamentos necesarios.
Entre as medidas que se desenvolveron na área de infraestruturas no marco do Plan Senda está a dotación durante 2010 de 11 sistemas de videoconferencia en órganos xudiciais. Na actualidade hai un total de 33 equipos de videoconferencia, 22 fixos e 11 móbiles, que dan servizo a 49 salas de vistas. Neste momento estase a licitar a adquisición doutros 22 sistemas de videoconferencia móbil e software para 500 postos de videoconferencia persoal que se instalarán ao longo de 2011.
A dotación de sistemas de videoconferencias nas salas de vistas permite unha optimización de custos, evita desprazamentos e redunda nunha axilización dos procesos.
Durante esta ano tamén se instalaron 20 sistemas de gravación de vistas. No caso deste equipamento cómpre destacar que das 164 salas de vistas que existen na actualidade a comezos de ano 157 dispoñían de sistemas de gravación de vistas pero nalgúns casos obsoletos polo que precisan ser renovados.
O proceso de renovación dos medios audiovisuais continuará en 2011 grazas ao convenio IUS+Red asinado en novembro con Red.es o Ministerio de Xustiza e que conta cun investimento de arredor de 2 millóns de euros para modernizar os servizos de gravación. Dentro deste marco de cooperación interadministrativa, a Xunta asinou tamén un convenio coa entidade pública Red.es para a dotación de aplicacións e infraestruturas TIC cun investimento de 1 millón de euros.
Dotar de equipamento e medios axeitados aos profesionais da Xustiza en Galicia é outro dos obxectivos do Senda 2014. Nesta liña de acción realizouse a renovación do equipamento ofimático cunha antigüidade superior a 5 anos coa instalación de máis de 660 equipos nas vilas. En 2011 está prevista a renovación do parque ofimático das cidades, o que suporá o cambio duns 1.500 equipos. Con esta actuación renovarase o 87% dos postos de traballo.
Desde xuño de 2009 mellorouse a calidade das liñas no 53% das sedes xudiciais e realizáronse ampliacións en 59 liñas e está planificada a ampliación en 5 sedes máis.
Para lograr a adaptación dos usuarios aos novos sistemas de información o Plan Senda contempla unha liña de formación que no 2010 supuxo un total de 1.600 horas formativas realizadas nas catro provincias galegas, dos que se beneficiaron preto de 900 usuarios. A porcentaxe de asistencia superou 96% dos usuarios convocados.
A formación no 2010 centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais, tanto de gravación de vistas como de videoconferencias.

PUBLICIDADE