A XVI Xornada de Dinamización Lingüística celebrarase o día 26 en formato online

mércores, 18 de novembro do 2020 S. P.

A XVI Xornada de Dinamización Lingüística, organizada por FEREGA (Escolas Católicas de Galicia) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vaise desenvolver este ano en formato integramente dixital, por primeira vez na historia destes encontros dirixidos á comunidade docente de centros públicos como concertados e privados. En concreto, desenvolverase o día 26 de novembro en horario de 16.00 a 18.00 horas, como dixemos en formato online co fin de garantir ao máximo a seguridade sanitaria por mor da COVID.
Ao abeiro da xornada, presentaranse entre outros contidos ferramentas e recursos virtuais para utilizar nas aulas nestes tempos de pandemia, por exemplo os recursos de gamificación para normalizar e dinamizar o galego no ámbito educativo impulsados por Ginés Váquez e David Méndez (Franciscanos, Lugo).
O programa centrarase tamén nas posibilidades que ofrecen museos como o MUPEGA, en experiencias innovadoras dos colexios e na entrega dos Premios Irmáns Reboiras á mellor iniciativa virtual de fomento do galego realizada durante o confinamento.
Quen desexe participar na xornada pode formalizar a súa inscrición a través da web das Escolas Católicas de Galicia.
Na inauguración do encontro participarán Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas de Galicia, e máis Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE