A XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebra este venres o novo empuxe tecnolóxico

xoves, 27 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, celebra este venres 28 de xuño a undécima edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a gran festa das novas tecnoloxías da nosa terra. A cita será novamente no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela. A gala contará coa presenza do actor galego Luis Zahera, que oficiará de mestre de cerimonias. Entre os pratos fortes da celebración inclúense os Premios anuais do CPEIG, que veñen con dez categorías.
A listaxe de galardóns é a seguinte: Premio Proxecto Fin de Carreira/Master (Óscar Blanco Novoa), Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino (Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo), Premio e-Inclusión (proxecto Camino de los Satélites), Premio Iniciativa Emprendedora (Club Financeiro Atlántico), Premio Iniciativa Empresarial (Hijos de Rivera e Alastria), Premio Ada Byron (Mónica Fernández Bugallo), Premio Iniciativa da Administración (os talleres 4.0 para PEME do IGAPE), Premio Traxectoria Profesional (Carlos Vázquez Mariño), Premio Especial CPEIG (Altia e Everis) e Colexiado de Honra (Carlos Grau Lara).
As actividades darán comezo ás 20.00 horas co cóctel de benvida, que dará paso á entrega dos devanditos premios convocados anualmente polo CPEIG, cos que se distinguen as mellores contribucións das empresas, entidades e profesionais da nosa terra ao impulso tecnolóxico galego, á igualdade e o noso progreso TIC. De seguido, comezarán a cea de galega e (sobre as 23.30 horas) a actuación musical.
O evento ten o obxectivo de achegar un punto de encontro para todas e todos os colexiados, estendendo este espazo común de celebración do coñecemento e a innovación aos responsábeis das empresas TIC da nosa terra e das entidades públicas con competencia directa ou indirecta no dixital.

PUBLICIDADE